Luns, 19 Aug. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Opinion Opinión Manifesto da Asoc. Galega para a Defensa da Sanidade Pública: “A Política Bananeira do PP en Galicia”

Manifesto da Asoc. Galega para a Defensa da Sanidade Pública: “A Política Bananeira do PP en Galicia”

Correo-e Imprimir PDF
novos-hospital-vigo

“A Política Bananeira do PP en Galicia: Trampas e complicidades no contrato do novo Hospital de Vigo”

O Goberno de Núñez Feijoo utilizou en 2010 de xeito fraudulenta o modelo de contrato para a construción do Novo Hospital de Vigo, ao recorrer a un simple Contrato de Concesión de Obra Pública prevista para construír centros públicos con diñeiro privado, pero que non permite incluír cuestións como o financiamento do mobiliario, a prestación de servizos accesorios (cociña, limpeza etc.) en edificios (Hospital Nicolás Pena) que non teñen relación física coa obra concesionada ou a xestión integral do mantemento de instalacións complexas como o Laboratorio, contempladas nos pregos do Contrato de Concesión de Obra Pública do Novo Hospital de Vigo, que se corresponden coa fórmula xurídica de Contrato de Colaboración Público Privada

Esta trampa legal tiña por obxectivo:

-Saltarse a realización do Estudo de Avaliación Previa (necesario na fórmula de Colaboración Público Privada pero non na de Concesión de obra pública) que debe xustificar que o financiamento privado para construír infraestruturas públicas é indubidablemente a mellor opción para os contribuíntes, de acordo á Lei 30/2007 de Contratos do Sector Público.

-Enmascarar a utilización improcedente do Contrato de Concesión de Obra, modalidade que non contempla prestacións accesorias ás obras de construción de centros, incluídas no contrato do Novo Hospital de Vigo.

-Evitar a comparación do proxecto de financiamento privado co aprobado polo anterior goberno de financiamento público. O custo do hospital pola vía pública era de 457,6 millóns fronte aos 1.566,4 do actual de financiamento privado (1.880 si tense en conta a explotación do aparcadoiros e outros negocios do centro)

Esta posible fraude de lei foi avalado por un informe favorable da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (organismo na Xunta responsable da fiscalización previa e do control da legalidade dos contratos da CCAA) dirixido entón pola Sra. Elena Muñoz, actual candidata á Alcaldía de Vigo polo Partido Popular. Este informe realizouse nun tempo récord de 24 horas (feito insólito tratándose dun contrato tan voluminoso e complexo) e uns días antes da entrada en vigor do Real Decreto Lei de 20 de Maio de 2010 de medidas extraordinarias para a redución do déficit público que obrigaba ao SERGAS a trasladar toda a documentación do contrato ao Goberno Central para o seu fiscalización. Deste xeito o proxecto evitou o control do Ministerio de Economía e Facenda que o houbese anulado por non axustarse ao previsto pola Lei.

Hai que recordar aos cidadáns/as e sanitarios do área que como consecuencia desta decisión da candidata do PP Sra. Muñoz o hospital quedase en mans privadas o que prexudicará a asistencia sanitaria e deberán pagar catro veces máis por un hospital ao que se recortaron camas, recursos docentes e de investigación, servizos de referencia, equipamento, calidade de materiais e miles de metros cadrados de superficie, para beneficiar á empresa Concesionaria Privada.

Fai poucos días o Tribunal Superior de Recursos Contractuais do Ministerio de Facenda lle anulou á xerencia do Chuvi o Contrato para Subministros de Reactivos e Material para Técnicas Analíticas do Laboratorio do Hospital do Meixoeiro por non ser o adecuado para realizar as obras de adaptación do servizo, pois incluía cousas que non son propias dun simple contrato de fornezo. O Tribunal Superior no seu auto cualificou a actuación do SERGAS de errónea e vulneradora da Lei e dos principios de transparencia e libre concorrencia.

Ademais de prexudicial para a asistencia sanitaria, resulta bochornoso que un organismo da administración central anule un contrato por non axustarse á legalidade, mentres que o dependente da Comunidade Autónoma Galega avale outro que se pode cualificar de fraudulento da lei para beneficiar os intereses do PP. Pura política bananeira ao servizo da privatización, que futuros gobernos progresistas galegos deberán erradicar.

Asociacion Galega para a Defensa da Sanidade Pública

16 de maio de 2015