Da lectura

Imprimir

 

Defínome como un lector vicioso, pasional, autodidacta e aleatorio. Aprendín a ler, en voz alta, nun libro da vella Editorial Molino titulado El hijo de la parroquia, nome que agochaba, sóubeno anos despois, o máis coñecido de Oliver Twist. Lin, e relín moito de neno, dos cinco aos quince anos. Todo moi convencional e con certo cheiro anglosaxón.

 Desde o inxustamente esquecido Guillermo Brown cos seus Proscritos, a un capitán Acab que nunca tivo a faciana de Gregory Peck, pasando, entre outros, polo capitán Grant en papel biblia, Chico Carlo, o húmido Tío Tom e o mollado Robinsón Crusoe. Aínda sen entender moito, lía todo o que caía nas miñas mans. Todo. Non tíñamos televisión. Despois de cumprir os doce anos, topei co Padre Brown, con Miss Marple e Poirot, cousas de espías e nazis, mesmo Kaputt de Malaparte (ás agachadas), a fermosísima Historia de San Michelle de Axel Münthe, moito M. L. Estefanía para ler no íntimo trono, Seleccións do Reader´s Digest a esgalla, con cicatrices visibles, ademais de enciclopedias e dicionarios. Si. É primordial medrar nunha casa onde hai libros. De todo tipo. E mellor aínda, cando tes unha nai que insiste en salientar o que non debes ler. Nunca falla. Cos libros ou con calquera outra cousa. É o único valor que lle concedo á represión. Mais, o certo é que, na adolescencia, deixei de ler. Absolutamente. E sen síndrome de abstinencia. Neses intres hai outras cousas nas que pensar. Outras prioridades. Indiferentes ao cultivo da mente. Por aí quedan compañeiros dos tempos do Bacharelato Unificado Polivalente, cos que trocaba comentarios de texto por láminas de debuxo. Ata os vinte e poucos anos non volvín a abrir un libro. E, cando o fixen, foi por amor. Profundo. Apaixonado. Total. Ela lía moito, acudía, entón, a clases de escritura creativa e, daquela, estaba obsesionada, lembro, polos relatos de Clarice Lispector e Raymond Carver. Moito nivel. Non tiven outro remedio que me poñer ao dia. Ata hoxe. Eu digo que a paixón da lectura chega da man doutras paixóns e motivacións, algunhas indicibles. Como curiosidade, como refuxio, como unha pracenteira obriga cun mesmo. Sempre dun xeito agochado, subterráneo, azaroso, difuso. Como case todo o que sucede nesa persoal e incerta procura da felicidade.  Gustar as mulleres! Este é o desexo ardente de case todo o mundo (Guy de Maupassant, sinalando o que consideraba a ambición secreta da meirande parte dos escritores)   Teño unha boa amiga que traballa, desde hai anos, nunha biblioteca pública en Vigo. Afirma, dun xeito categórico, que a xente le moito máis do que amosan as estatísticas. No seu lugar de traballo, o sistema de préstamos funciona moi ben con centos de persoas que non entran nas librerías. Un pregúntase, entón, que definen, realmente, eses datos estatísticos, se os índices de lectura ou a venda de libros. Abofé que, á marxe da discutible suposición de que lemos todo libro mercado, son moi escéptico con esa abafante mestura de boas intencións, pensamento correcto e mercado puro e duro, espallada polo noso Estado do Benestar. E, máis aínda, cando observo a monopolística concentración, co conseguinte empobrecemento da oferta, e a imposición de interesados modelos, dos grandes consorcios televisivos, xornalísticos e, por suposto, editoriais. De aí a miña oposición a moitas das tendencias da oferta literaria infantil e xuvenil actual que se definen na simplicidade temática, da mesma escritura, ou, agás abraiantes excepcións harrypotterianas, na diminución dos textos e as páxinas, fomentando, en non poucos casos, os estereotipos promovidos polo cine e a televisión, o enfoque trivial e o adozado benpensar. Unha produción de lectores masivos que persegue o modelo dos televidentes masivos. Dobre ración. Un choio, se non fora porque moita xente, no esforzo cotián de alimentar ás súas mais baixas adiccións, chégalle con ver, de balde, a televisión ou navegar na internet. Agora ben, eu pregúntome se a insistencia inicial neses modelos aumenta, a longo prazo, a cantidade de lectores. E, tamén, se a maioría deses lectores, na idade adulta, serán quen de superar esa doada inercia, ou se, polo contrario, seguiran consumindo as hamburguesas, xa en formato Big Mac, ofrecidas por esa mesma industria editorial. Para o escritor arxentino Ernesto Sábato, recentemente falecido, os best-sellers tiñan a mesma relación coa literatura que a prostitución co amor.  Mais, a edición, como calquera outro produto cultural, mantén sempre dúas caras. Fronte aos modelos monopolísticos de comunicación, aboian, no infinito océano das posibilidades dixitais, as arriscadas apostas de apaixonados soñeiros. Editoriais, discográficas ou produtoras, que, en xeral, entenden a súa función como un acto imaxinativo, reinvidicativo, cívico e coherente. Pequenos proxectos que medran en número, dia a dia, sostidos, economicamente, por unha depravada e viciosa minoría da poboación que procura calidade, excelencia e risco. Unha inmensa minoría de espíritos singulares que rexeitan o alimento trivial e procuran unha maior sutileza. E non son os que máis cartos teñen. Pois, como en calquera época e lugar, para un estómago inquedo e curioso, as hamburguesas resultan atractivas moi pouco tempo. Os verdadeiros adictos pasan das campañas e as estatísticas. Só esixen unha boa dose sen adulterar. A todos eles, desde a total empatía, a miña sincera homenaxe e recoñecemento.