Eléctricas Ilusións

Imprimir

Matinaba eu, nunha tardiña soleada de primeiros de febreiro, en chegar á casa e poñerme con certas cousiñas atrasadas. Corrixir algúns exames, preparar algunhas clases e redactar algún que outro escrito reiterada e intencionadamente posposto. Mais non puido ser. Non había luz.

Non habí­a luz en toda a parroquia. Tampouco en Couso, nin en Morgadáns, nin en Peitieiros, nin en... Miles de persoas sen luz. Regresou ben avanzada a noite. Non pensen vostedes que vivo nun sitio afastado. Xa ven, en Gondomar, no turístico Val Miñor, nun concello integrante da Á?rea Metropolitana de Vigo, a vinte quilómetros do centro da gran urbe do sur de Galicia. ¡E non tiñamos luz!

A verdade é que tampouco me enrabechou moito. Foron cinco ou seis horas que, ao fin e ao cabo, pasaron. Máis lentamente cando a escuridade se tornou mesta, máis doado ao principio. E non me alporizou porque xa estamos acostumados. Nesas horas non sei por qué, déuseme por matinar en Castrelo do Miño, en Portomarí­n , nas terras limiás ou ullás asolagadas, nos lignitos depredados nas Pontes ou en Meirama, no desenvolvemento coutado polos encoros pantasma de Arbo ou Navia, nas xentes de Caldas, ou na Paradanta inzada de monstros metá¡licos de tres brazos... ¡E estabamos sen luz!

Nin me enervei en exceso porque  temos o saudable hábito de usar o microondas como lacena ou ir apagando aparellos e luces cando prendemos o lavalouzas. En fin técnicas de supervivencia na aparente modernidade. A casa chea de electrodomésticos e non temos luz para que funcionen.

Ao que non me dou acostumado, e isto si que me pon de moi mal humor, é cando, de sópeto quedo sen luz, e estou, como agora, traballando no ordenador.  Alá vai o que estaba facendo e menos mal que estes aparellos van salvando os documentos cada pouco. Así­ que remato, non vaia ser o demo.