A palmeira de don Marcelino

Imprimir
002marcelino
001marcelino
003marcelino
004marcelino
005marcelino
006marcelino
  • Anterior
  • 1 of 6
  • Seguinte

Entre as xornadas do 30 de xuño e 1 de xullo do 2015, o barrio de Fontes na parroquia de Santa Mariña de Baíña (Baiona), ven de perder o seu emblema: a palmeira de Don Marcelino Ante.

A palmeira formaba parte do fermoso xardín que o indiano Don Marcelino Ante Rodríguez fixera ante a súa casa natal a comezos do século pasado, restando deste a día de hoxe tan só un vello camelio que resiste ao paso dos anos como pode.

Don Marcelino como todos o coñecían na parroquia, destacou na súa carreira alén mar como comerciante téxtil en San Juan de Puerto Rico, lugar no que logrou unha fortuna capaz de facelo resaltar por riba dos seus veciños. Benfeitor desta parroquia (aínda que non recoñecido), naceu no barrio de Fontes un 16 de maio de 1853, sendo bautizado o 17, facéndose constar que era “ hijo de Juan Manuel de Anta y de Rosa Rodríguez”. Era párroco da freguesía, D. Manuel Antonio Domínguez (1845-1857) natural de Vincios.

En decembro de 1874, sendo oficial co grao de Tenente Segundo deixa a súa carreira militar, comezando daquela as súas inquedanzas por superar a economía familiar padecida. Entre os anos 1883- 1884, o historiador Villa Álvarez atópao xa como concelleiro na cidade de San Juan de Puerto Rico, sendo socio neste último ano da sociedade téxtil Hernaiz y Co.

O traxe branco que caracterizou sempre aos nosos emigrantes parecía comezarse a tecer. No 1885, D. Marcelino era xa vogal da Cámara de Comercio daquela cidade, posto que ocupará durante anos. Así mesmo, dende 1900 e do resultado da “Colonia Española de San Juan”, xurde a “Sociedad Colonia Española”, recoñecida polo consulado español na que o baionés é tesoureiro.

Será nestes primeiros anos de século cando debe regresar a Galicia como xa ben apunta Martínez Tamuxe (2008). No 1900, realiza a doazón á parroquia de Baíña dos terreos para o camposanto, facéndose constar no arco da porta de acceso, a seguinte inscrición baixo un fermoso Cristo crucificado: UNIDO DONADO POR D. MARCELINO ANTE RODRÍGUEZ, AÑO DE 1900. No 1902 levaría a cabo a construción do fermoso panteón familiar no que no 1907, sería soterrado D. Manuel Ante, falecido había dez anos na República Arxentina. Os seus restos mortais chegaran ao porto de Vigo a bordo do vapor Aragón un 24 de maio de 1907.  No 1906, soterrárase tamén ao seu sobriño D. Arturo Giráldez Ante, do cal foi destacado o seu cabodano un martes 25 de xuño de 1907. O gran xentío partícipe, puido escoitar o canto do oficio de Hoffman e a misa de requiem de García xunto ao armonium que D. Marcelino, viña de regalar á parroquia.

No ano 1902, D. Marcelino figura tamén entre as persoas partícipes nunha comisión encargada de subscribir accións para a construción do tranvía eléctrico entre Vigo e Baiona. Xunto a el por Baiona estaban: José Pérez, José Leal, Florentino Isla,Luís Gil, Manuel Barreiro, Ulpiano Nogueira, Ramón Lojo, Fernando Barreiro e Melchor Puga. Sabarís, con comisión independente, dependía de D. José R. Cadaval, Bienvenido R. Giráldez e Basilio Santalla.

Chegado xaneiro de 1903, tal e como nos informa o Semanario Independiente El Valle Miñor con data do 18 de xaneiro, “ embarcóse para Puerto Rico nuestro apreciable amigo, el conocido capitalista D. Marcelino Ante. Que lleve feliz viaje

A súa presenza en terras americanas parece documentarse ata os anos 30, sendo en 1934 cando aparece como vogal na directiva do Casino Español de San Juan. Non obstante, unha fotografía súa datada en 1926 e realizada polo famoso fotógrafo vigués Pacheco, pode ser a mostra de que Don Marcelino viaxaba continuamente a Galicia. De non ser así e considerando o seu posto citado, debeu regresar logo a súa Baiona natal pois falece solteiro aos 81 anos de idade un 15 de novembro de 1934.

A prensa baionesa, especialmente El Miñor, dera ao longo da súa vida noticias constantes do indiano e as súas aportacións:

Sábado, xullo de 1905: “Hoy y mañana se celebra en esta parroquia [Baíña] la festividad del Señor, costeada por la familia del acaudalado propietario D. Marcelino Ante. Esta noche habrá vísperas solemnes y verbena en la plazuela de la Iglesia. Mañana, habrá misa y procesión y en el barrio de Fontes, tendrá lugar por la tarde el baile campestre. La banda popular de Bayona, amenizará esta fiesta que promete ser, sin duda alguna, la mejor de las aquí celebradas

Xunto á casa, camelio e palmeira, Don Marcelino trouxera de América unha importante biblioteca, un piano e outros obxectos de decoración suntuosos que fixeron del o “rico do lugar” e un persoeiro presente aínda hoxe en día no recordo dos máis vellos. Foron tempos...