Comunicado de SOS Groba sobre a minería do cianuro da serra da Groba, A Raxada, O Tetón e A Serra do Argalo.

Imprimir
groba eval

A Consellería de Industria dirixida por Francisco Conde ofrece o país a quen queira vir tirarlle os tesouros mineiros das súas entrañas ó prezo que sexa. Ó chamado do mel acoden abellas de todo o mundo. Para A Serra do Galiñeiro hai oferta de explotación de terras raras e para unha ampla zona que xira ó redor da Serra da Groba hai intención de tirarlle o ouro e de seguro outros minerais que lle paguen a pena.

Os propietarios milenarios destes montes non saben ren.
As administracións de maior proximidade non informan nada, nin se informan de nada.
Os membros de SOS GROBA procuran información e están a pasarlla ós veciños:
Diante do ofrecemento do país ó gran capital especulativo mundial hai unha empresa canadiana: MEDGOLD RESOURCES que envía un proxecto de investigación que chama PINZÁS GOLD PROJECT na que solicita, durante tres anos, prospectar e tirar mostras no espazo de 275 cadrículas mineiras de 30 hectáreas cada unha, polo tanto solicita a investigación -e futura explotación- ó longo de 82'5 km cadrados nos concellos de Gondomar, Baiona, Oia, O Rosal, Tui e Tomiño.
A delegación da Xunta en Pontevedra convocou e reuniuse cos alcaldes dos cinco concellos afectados para informalos do proxecto.
Ningún dos cinco alcaldes se puxo en contacto cos veciños para explicarlles o proxecto e tomar unha posición, considerando que cada concello ten que emitir un informe de impacto medio-ambiental, como tamén o teñen que emitir a Consellería de Medio Ambiente que é a mesma que a de Industria e tamén o Servizo de Arqueoloxía da Consellería de Cultura.
A ampla zona de posible instalación mineira xa fora prospectada e explotada por outro imperio multinacional; Roma, daquela de xeito menos agresivo pero levando a produción para a metrópole. Esta explotación de hai uns 2000 anos deixounos unha densa rede de xacementos arqueolóxicos sumados a varios campos de mámoas e petróglifos e castros e a achados líticos paleolíticos.
Á riqueza arqueolóxica temos que engadirlle o patrimonio etnográfico da serra (a rede hídrica antrópica, casetas forestais, foxos de lobo, curros, meixóns, ...) tanto construído como inmaterial.
É a serra dos cabalos salvaxes de pura raza galega tamén ameazados polo decreto equino e que xuntan nos curros da Valga, Torroña, Mougás e San Cibrán.
A ameaza da minería do ouro súmase ós proxectos de varios parques eólicos, campos de golf, balsa de auga (un millón de metros cadrados), pista de autocross, ...
Por moito isto e moito máis non queremos a explotación industrial capitalista e contaminante da Serra da Groba.