Vacacións en paz

Imprimir

 

O Parlamento Europeo vén de proclamar hai unhas semanas o dereito do Sáhara Occidental á súa autodeterminación como país libre. A U.E. considera que o país opresor, Marrocos, non está a respectar os dereitos humanos coa ocupación do Sahara. Asemade a U.E. solicita de Marrocos a liberación dos presos políticos e cese dos abusos que se están a cometer no Sáhara contra a poboación. Tamén a asamblea sueca vén de proclamar o recoñecemento da R.D. Saharauí como pais de dereito.

Que é o que impide que paises como España, EEUU, etc. non actúen sobre estas resolucións e se proceda a dar definitivamente os pasos para a liberdade deste pobo oprimido e empobrecido? Por que os territorios ocupados non entran na axenda da Comunidade Internacional, e se procede a cumprir as resolucións da ONU ? Son estas e outras preguntas o que avergonzan a palabra Democracia coa que pronuncian tan alegremente os politicos de mala baba e moita cara, sen ningún rubor. Dende a Nosa Terra unha ONG loita coas súas humildes forzas e con moita vontade por parte de poucas persoas, polos dereitos deste pobo. O Sahara era unha provincia do Estado Español. Eran irmáns nosos que os deixamos abandonados á miseria, mentres Arxelia lles daba un anaquiño de deserto para que se asentaran coas súas haimas, e loitan por recuperar o seu territorio. Xa vai para corenta anos de resistencia, mais eles e nós seguimos teimando.

Porén, mentres non acadan o seu obxectivo de liberdade, Solidariedade Galega co Pobo Saharauí segue apoiando ás persoas que sofren no deserto de Tindouf. Entre outras actividades humanitarias, o programa Vacacións en Paz trae cada verán á Galicia centos de nen@s do Sahara para darlles atención médica, alimento, roupa e sobre todo sacalos do sufrimento da calor do deserto. Pero ademais, coma irmáns nosos que son, que non perdan a nosa cultura que era tamén deles.

A campaña Vacacións en Paz deste ano 2013 xa está en marcha e comezamos coa inscrición das familias acolledoras para recoller nas súas casas a nen@s do Sahara. No Val Miñor en concreto houbo o ano pasado, meses de xullo e agosto, unha ducia de familias que acolleron a estes nen@s. Por iso facemos un chamamento. Para que este ano non sexa menos. Necesitamos familias acolledoras, mais tamén a axuda dos concellos do Val Miñor. Polo que rogamos aos nosos alcaldes que colaboren coa nosa ONG; para podermos axudar todos xuntos a estes pequenos sufridores dunha inxustiza na que o Estado Español é moi, pero que moi responsable. Os políticos deben de trocar ese corazón frio por un quente e humano. Só por unha razón: é que un pobo séntese orgulloso da autoridade que o representa cando é solidaria. Por estas razóns agardamos unha boa resposta humana e solidaria tanto das familias do Val Miñor coma das súas autoridades. Para esta colaboración solicitamos que se poñan en contacto coa nosa ONG en Vigo 986 262637 ou coa delegación no Val Miñor 986 369189.

En tempos difíciles e duros, coma o que o capitalismo está a procurar sobre as nosas vidas, sempre hai outros que o pasan peor. Entre todos arrimemos o ombro unidos que o futuro pode ser mellor a prol deste pobo sen territorio e polo noso con territorio porén con pouca consciencia do seu.

Xosé Henrique Porto Varela delegado da SOGAPS no Val Miñor.