In the begining

Imprimir

Por Carlos Méixome - Publicado na Peneira
A ben seguro que o rostro de Noé sería como o do irlandés xenial. Primeiro veume John Huston ao maxín. Para os ollos adolescentes aquelo era o cine. Enormidade. Grandes pantallas, grandes salas, grandes mensaxes, cine de epopea, cine bíblico e sobre todo A Biblia de Huston. Despois lembrei a bóveda da Sixtina. A dualidade de Buonarotti. O masculino e o feminino enxertados. Adán e Eva felices, separados pola serpe enroscada na árbore do saber, dos horrorizados polo pecado cometido. A tristura do coñecemento. O afastamento do paraíso. A corrupción orixinaria.

Fun recoller ao meu fillo á estación do tren. Os recentes acontecementos urbanísticos no pé do Galiñeiro brotaron a cachón. Ás primeiras chanzas mediáticas seguiron reflexións máis profundas. Expliqueille o meu descontento coa humanidade, a perversión da orixe, a maldade primixenia, o pecado in the begining. Sosegadamente respondeume si, pero hai boas persoas, hai boa xente, a humanidade é boa. O meu fillo évos un punki-anarquista-roussoniano-alterglobalizador. Hai futuro. Cada vez gusto máis dos vellos malhumorados, sexan estes Huston ou Rousseau.