Fiz Vergara Vilariño

Imprimir
anxo_perrita

Con certeza foi Fiz Vergara Vilariño o poeta máis desacougante de cantos lin. A penas teño algunha dúbida. Os versos que del afloraron sempre estiveron revestidos dunha implacable sinceridade, quizais pola complicada situación persoal que soportou ao longo da súa vida. “Un cervo ferido son/ anque ti non o saibas”, sentencias deste tipo abondan na súa obra e veñen demostrar o grao de franqueza que adoitaba adoptar. O innegable é a capacidade deste poeta da Louzara Xabreira para amordazar o noso alento, mesturando palabras aparentemente desgastadas e varridas polos tópicos con valioso léxico propio da súa terra, empregándoas a miúdo con extraordinario rigor. Basta con botar unha ollada aos seus poemarios “Poeta muiñeiro á deriva” ou “Nos eidos da bremanza” para comprobalo. Non obstante, non foron esas as obras que me decidiron agora a escribir sobre o gran Fiz. Houbo outra, se cadra máis peculiar.

“Animal sen fel” é un diálogo que o poeta mantén coa que fora a súa cadela, e que estremece polo incrible nivel de intimidade que o poeta alcanza co animal, ao que chega a contemplar como “redentor da tristeza”. A obra expresa as circunstancias que uniron ao poeta coa cadela, sumindo agora a este nunha tristura irreversible tras a súa perda. Cando morre o noso animal a xente que nos arrodea non adoita entendernos. Con frecuencia lles resulta anecdótico semellante suceso, cando non topamos directamente coa incomprensión. Mais a min nunca tal cousa me sucedera, ata este mes. A cousa acadou certo dramatismo pola cativeza do noso can e polo inesperado. Convídovos a ler “Animal sen fel” onde unha restra de sonetos quizais foron ligarme

máis se cabe á miña Moncha, feliz coma sempre alá onde agora estea.