Aí ven a rogativa dos de Belesar!

Imprimir
procesion belesar

É curioso que Belesar, o balcón do Val Miñor, sexa unha das únicas parroquias de Baiona que carece de cruceiros nas encrucilladas e conte con moi poucas cruces, cando casualmente é considerada a Terra das Bruxas. Veredes porque non lle facían falta...

Belesar non era excepción, e a xente tal día como hoxe, ía ao camposanto a poñer velas e flores aos seus defuntos. Baixaban os da Granxa xunto aos da Estibada, os do Urgal viñan polos Cotros Vellos polo camiño do Barreiro e todos chegaban de vivos como de mortos ao mesmo sitio. Pasábase por multitude de encrucilladas, polas que ata tres anos despois de morrer, conta a lenda que andaban errantes as Ánimas do Purgatorio. A visión de acompañamentos ou Santa Compaña era tan normal, para algúns debido á fame, medo ou porque algo había; que os veciños reuníronse en concello para tentar acabar con isto.

No primeiro enterro que se fixese tralo día de Defuntos, collerase polo enterrador e un axudante o sacho ou eixada de abrir o buraco da tumba. Irán ambos camiño da Igrexa e unha vez chegados alí, han lanzar dunha banda a outra da igrexa en sentido transversal o sacho, pero, sen tocar as tellas do cumio do templo parroquial.

Chegado o día foise facer o rito, lanzouse a eixada recen empregada no enterro e cruzou a igrexa de San Lourenzo sen romper tella ningunha. Dende aquela, Belesar non tivo Santa Compaña nin demo burlón, aínda que o día de Santa Cruz, habería que seguir rezando contando por 20 grans de millo aquilo de:

En el campo de Josefás
con el demonio te encontrarás
alma que tu le dirás
retírate de mi demonio
que en el día de Santa Cruz
mil veces dije Jesús!