Pola retirada da LOMCE, folga!

Imprimir
marta dacosta

Este xoves 9 de maio a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, integrada por máis de 11 entidades representantivas de toda a comunidade educativa, nais e pais, alumnado e profesorado, convoca folga no Ensino público contra a LOMCE.

A mal chamada Lei para a mellora da calidade educativa é unha verdadeira agresión ao ensino público, unha involución de máis de 50 anos que nos leva a antes de 1970 coa imposición das reválidas, o desprezo á nosa lingua, a potenciación da relixión, a dirección unipersoal dos centros (até o extremo de poder rexeitar profesorado), o modelo da empresa privada ou o incremento dos concertos ao ensino privado, mesmo aínda que discriminen o alumnado por razón de xénero. A LOMCE é unha lei mercantilista, que aposta pola privatización do ensino, españolizadora, centralista, antidemocrática, antipedagóxica, confesional...

Desde que en outubro tivemos na man o primeiro borrador, na Plataforma consideramos a necesidade de realizar un labor de concienciación e difusión do que este borrador significaba. Ao tempo iniciabamos as mobilizacións necesarias coas que facer efectiva a nosa oposición. No Val Miñor convocamos a toda a comunidade educativa a unha charla o día 15 de marzo e nos sumamos á concentración que o 31 de xaneiro se realizou en Vigo.

Durante o mes de marzo preparamos a seguinte mobilización, os peches que tiveron lugar no mes de abril en máis de 15 localidades galegas, unha delas Gondomar, no IES Terra de Turonio que contou coa participación de máis de 130 persoas que acudiron ao centro para manifestar a súa oposición á LOMCE.

As entidades que compoñen a Plataforma realizaron tamén outras accións, como as intervencións nos Consellos Escolares de Galiza e do Estado (que abandonaron), a manifestación estudantil de 6 de febreiro en Vigo ou a recollida de sinaturas contra a LOMCE entre o profesorado realizada pola CIG-Ensino e que superou as 10.120.

A folga do día 9 é un paso máis neste calendario de mobilizacións. Con todo debemos manifestar a nosa desconformidade co feito de que non se contase con esta Plataforma nin coas entidades que dela forman parte para consensuar a data da folga, deixando á marxe ás galegas e aos galegos.

Levamos máis de seis meses traballando para que esta folga sexa un éxito e estes días estamos realizando os últimos esforzos, volvendo realizar charlas e falando cos sectores implicados, nomeadamente facendo asembleas co profesorado que está chamado a apoiar a folga ese día.

E ademais convocamos unha manifestación para nos facer visíbeis. Estar na Praza dos Cabalos de Vigo, ás 11:30 h. este xoves día 9 vai ser a nosa forma de dicir que SI estamos en folga, como alí se pode ver, e SI saímos á rúa para demostralo. A nosa presenza nas rúas será a máis contundente contestación a unha Consellaría de Educación que non quererá aceptar os datos de participación.

Convocamos a folga para pechar as aulas e estar na rúa e sabemos que até as nais e os pais virán canda nós para deixarse ver baixando as rúas de Vigo e deixar claro que non, que non estamos de acordo e por iso

Esiximos a retirada da LOMCE!

Marta Dacosta maio de 2013.