Milagros “a de Peitieiros”

Imprimir
Feira da Ramallosa. Foto IEM

Quen sería aquela muller? 

Fraca, alta, de pelo longo e case branco segundo se amosaba formando una trenza que lle chegaba case ata a cintura, por debaixo do pano co que sempre cubría a cachola, facíana engurrada e bronceada do sol, con fasquía de vella que desmentía o seu andar, sempre descalzo, lixeiro e nervioso. 

Sí se sabia que era ou moraba en Peitieiros, polo menos iso dicía ela, e parece que era certo pois había xente que lembraba iso. 

Falaba pouco, sen ollar para o que lle falaba, cun son de voz atiplado pero non berrante e nunca respondía ao que lle preguntaban.

As máis das veces preguntábanlle que levaba na cesta que portaba na cachola e que baixaba para esconder o que lle deran e puña tal xeito ao facelo que non había maneira, nin adiviñando, de saber que portaba na cesta debaixo dos farrapos con que a cubría.

 A súa teima eran as vodas. Non falaba doutra cousa. O caso é que nunca se sabia de que voda falaba con tanto luxo de detalles. Dos traxes que levaban  os noivos. Do que comeran no banquete. 

Ela falaba, pero se lle preguntabas algunha cousa, púñase moi nerviosa e dicía que tiña moita presa.  

-“Que o neno está a chorar. Que o neno está no berce a chorar”. 

Pobriña! Quen sabe canto tempo habería que lle pasara a posibilidade de ter fillos?. Xa debera pasar moito tempo.

A pé, ía cara a Praia América a pedir como facían todos os que andaban a pedir esmola, dando por bo, sen ter coñecemento diso, o que dicía o cego do Lazarillo de Tormes “Que máis dá o rico que o ten que o pobre que non o ten”, e a pé volvía cara a Peitieiros. 

Ao petar nas portas sempre chamaba por alguén póndolle un Nome que as máis das veces non cadraba con alguén da casa na que petaba. Pero non sempre, pois nalgunha das casas vivira alguén con ese Nome. Ese era o caso dunha das casas nas que petaba na estrada de Gondomar onde houbera un formo de pan dunha dona que se chamaba Anxelita Prado e que xa había moito tempo que se mudara a Gondomar . Naquel tempo xa había moitos anos que finara e o forno, xa en Gondomar, o levaba una filla chamada Laureana. 

Pois Milagros, nada máis abrir a cancela daquela casa, apelidaba:  

-“Angelita, Angelita”  

E de pouco valía que lle dixeran que Anxelita xa morrera había moito tempo. Ela, a vez seguinte, volvía a apelidar por “Angelita”.

Cando volvía, se era ao medio día, non se sabe se para refrescar porque apertaba o sol do verán ou era para calmar as dores da cachola pois parece que era un dos síntomas da súa falta de cordura, mollaba no río uns farrapos e púñaos na cachola e deixaba solto o nó con que suxeitaba debaixo da gorxa o pano da cabeza. 

Con agradecemento a Miguel Anxo Mouriño por correxir este esrito para axeitalo a nova normativa Galega.