Nigrán honrará a memoria de Humberto Baena, fusilado polo franquismo en 1975.

Imprimir
baenafamilia

O Concello de Nigrán conmemora o 40 aniversario do fusilamento do veciño de Panxón, Humberto Baena, coa proxección do documental 'Septiembre del 75' este venres
"Non podemos devolverlle a vida pero queremos que se recoñeza a inxustiza que se cometeu", sinalou Flor Baena, irmá de Humberto, na recepción co alcalde de Nigrán
O Concello de Nigrán conmemorará o 40 aniversario do fusilamento do vigués Humberto Baena coa proxección do documental 'Septiembre del 75', de Adolfo Dufour, este venres ás 20.00 horas no Auditorio Municipal.

Este veciño de Panxón foi un dos últimos cinco executados polo réxime de Franco na madrugada do 27 de setembro de 1975 dun tiro. A súa familia aínda loita para recuperar a honra de Humberto e, tras tratar de reabrir o caso en varias ocasións, actualmente está en mans da xuíza arxentina María Servini, que investiga dende 2010 o que hoxe é a única causa aberta no mundo polos crimes do franquismo.

Neste senso, o alcalde Juan González sinala que o Concello de Nigrán "pon tódolos medios que ten a súa disposición ao tempo que lle solicitará que se lle envíe toda a documentación ao respecto do caso para gardala como fondo documental e histórico".

"Non podemos devolverlle á vida, pero queremos que se recoñeza a inxustiza que se cometeu e que se lle devolva a súa honra. Non era un asasino, se fose así eu sentiría vergoña", dicía emocionada esta mañá Flor Baena, irmá de Humberto, e quen foi recibida polo alcalde de Nigrán, Juan González.

Baena foi acusado de matar a un garda civil sen probas e tras obter unha confesión baixo tortura. "Ata as súas últimas horas de vida, Humberto prometeu ante o meu pai que el non o fixera. Hai evidencias claras de que el era inocente, se fose un asasino sentiría vergoña", alega Flor, quen contaba con 22 anos cando fusilaron ao irmán, "unha persoa sensible, amante da natureza e dos animais e preocupado polas causas sociais". "Éramos unha familia feliz, facíamos moitas comidas todos xuntos na casa da miña tía en Nigrán e, dende o fusilamento, non se voltou a facer ningunha e os meus pais non recuperaron nunca a antiga alegría", sinalou Flor, que asistirá a proxección do documental e coloquio posterior.

O seu outro irmán Fernando e o seu pai foron testemuñas das últimas horas de Humberto, unha chamada telefónica a tarde do día anterior lles anunciaba a sentencia, foi todo tan rápido que tiveron que ir dende Vigo ata a prisión de Carabanchel en taxi e Humberto, temendo non ter a oportunidade de despedirse, escribiulles unha carta.

"É unha historia que nunca se supera, pero consideramos importante que non se esqueza porque moita xente ten só un vago recordo dela e, por suposto, non aparece nos libros", dicía esta mañá Flor Baena a Juan González. "Estamos no goberno e coincide o 40 aniversario, pero fose o aniversario que fose, tiñamos o claro compromiso deste Concello para non esquecer a Historia, que neste caso é tan próxima a todos nos. Ademais, sirva o acto tamén como claro alegato en contra da pena de morte en calquera lugar do mundo", finalizou González.