O goberno socialista de Nigrán presenta acordo reclamando a derrogación da concesión do novo hospital.

Imprimir
mani saude1

Sinalan que a privatización do novo hospital de Vigo cuxo financiamento e xestión adxudicouse a unha concesionaria privada integrada por empresas construtoras, multinacionais e fondos de investimento internacional multiplicou o custo final desta infraestrutura, chegando a superar os 1.350 millóns de euros para pagar en 20 anos, a pesar de que, estaba previsto inicialmente construílo pola Sociedade Pública de Investimentos (SPI) por un total de 450 millóns.

Denuncian que malia o incremento orzamentario, non se resolveron o déficit de recursos, ou a mellora nas listas de espera, nin se lle da unha solución a un servizo de urxencias permanentemente saturados. Pola contra "co beneplácito do SERGAS, este sobre custe só serviu para introducir unha serie de recortes no proxecto inicial que terían que ter sido considerados inadmisibles pola administración contratante das obras"afirman.

Advirten que a perda dos servizos de oncoloxía radioterapia, cirurxía torácica, neurocirurxía, cirurxía plástica, cirurxía pediátrica, cardioloxía intervencionista e cirurxía cardíaca, así como as reducións das camas de hospitalización convencional nun 31,80 % , dos quirófanos nun 31,40% , dos servizos urxencias nun 55,50% ou de radioloxía nun 45,70%, así como a desaparición do laboratorio central que estaba deseñado no proxecto inicial, impiden que este novo hospital se poida converter no centro de referencia de toda a área sanitaria de Vigo.
Ademais, a supresión dos dous centros de alta resolución previstos no plan funcional nos anexos do edificio do actual Hospital Xeral ou no do Morrazo, "veñen gravar esta situación de descontrol e improvisación na xestión e administración do Novo Hospital".

Engaden que a esta situación tamén tense que sumar os recortes xa adoptados polo goberno da Xunta de Galicia que privan a este novo hospital do seu carácter estratéxico que o equiparaba aos hospitais do norte de Galicia ao suprimirse os módulos de docencia, investigación, rehabilitación, ou o hotel de pacientes e as 160 camas de coidados mínimos intermedios

Declaran que a sanidade "é un servizo público fundamental polo que non debe estar ligada á busca do beneficio empresarial. Por iso formúlase a recuperación da concesión garantindo con iso que o novo hospital de Vigo sexa cen por cento público."

Salientan que "sen alternativas de balde", se constrúe un aparcadoiro no que terá que estacionar non só o persoal senón tamén os usuarios do hospital ou as familias das persoas enfermas. "Estase a obrigar ás persoas usuarias do hospital a pagar por aparcar sen que exista outra alternativa o que supón un copago encuberto da asistencia sanitaria que defendemos que debe ser universal, pública e gratuíta".

Nese senso o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE proporá ao Pleno de Nigrán unha moción de acordo na que demandaran á Xunta de Galicia asumir o custo de mantemento, conservación e explotación do aparcadoiro construído na contorna do hospital e que se instaure a súa gratuidade de maneira inmediata. Tamén a implantación dun plan específico de transporte para o novo hospital con conexión a todos os concellos da rede sanitaria, facendo fincapé no de Nigrán, para que se atenda a toda a cidadanía "con criterios claros de equidade".

Finalmente que se revogue a concesión do hospital "xa que este hospital non é nin polo seu modelo de construción público privado nin polos recursos implantados o que os cidadáns necesitan nin moito menos o que estaba previsto".