Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O colexio Humberto Juanes contará cun novo sistema de calefacción no próximo curso

O colexio Humberto Juanes contará cun novo sistema de calefacción no próximo curso

Correo-e Imprimir PDF
Reunion

O alcalde de Nigrán mantivo hoxe unha reunión co xefe territorial da Consellería de Educación, entidade que financia o cambio de caldeira.

González pediu que se mellore o acceso de tráfico rodado e peóns ao IES Proval ante a inseguridade actual nesta vía dependente da Xunta

O alcalde de Nigrán, Juan González, mantivo hoxe unha reunión de traballo co xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares, nas dependencias da Xunta en Pontevedra. Neste encontro trataron da equipación dunha nova caldeira no CEIP Humberto Juanes de Nigrán por parte da Xunta, xa que a actual funciona incorrectamente causando un exceso de consumo de combustible, como informara o Concello. A nova instalación suporá o cambio a gas natural e permitirá que se independicen espazos, de xeito que poida funcionar a calefacción tan so nas habitacións que estean en uso. "Suporá un importantísimo aforro enerxético que redundará na mellora de todo o centro educativo. Agora non será preciso ter prendida a calefacción no pavillón se so se quere quentar unha oficina ou aulas", explica González. Actualmente estanse a facer as obras precisas e xa entrará a funcionar neste curso que agora empeza.

Ademais, anuncian que a Xunta comprometeuse co Concello a levar a cabo obras de mellora en varios centros educativos da localidade, coma na escola infantil de Panxón coa reforma do espazo exterior (xardín e arranxo do parque) e solución dos problemas de filtración de auga; finalmente, Pérez Ares confirmou que realizará as obras correntes de mantemento solicitadas nos colexios tanto de Camos coma de Vilariño.

Por outra banda, Juan González pediu ao delegado de Educación a reordenación do tráfico e dos peóns no acceso ao IES Proval co fin de mellorar a seguridade, xa que o vial pertence á Xunta e se rexistran frecuentemente accidentes. Asemade, e co mesmo obxectivo, o alcalde comunicou a Pérez Ares a decisión do Concello de reordenar o tráfico no acceso ao IES Val Miñor, polo que proximamente presentaran o proxecto que se levará a cabo.
Juan González destacou o bo clima de diálogo e de entendemento na reunión mantida esta mañá e reiterou o compromiso absoluto do Concello para colaborar plenamente coa Xunta en todas aquelas medidas que poidan supoñer unha mellora nos centros educativos do municipio.