O alcalde de Nigrán solicita ao concello de Vigo que o Vitrasa de Fragoselo poida achegarse a Chandebrito.

Imprimir
Chandebrito960

Juan González reuniuse onte en Vigo con Abel Caballero para falar sobre a futura área metropolitana

O alcalde de Nigrán, Juan González, reuniuse onte en Vigo co seu homólogo Abel Caballero para falar sobre a futura área metropolitana nunha primeira rolda de contactos do rexedor vigués cos representantes dos diferentes municipios que a integrarían.

González aproveitou o encontro para solicitarlle que a mesma liña de Vitrasa que chega ata Fragoselo (en Coruxo, término de Vigo) se achegue ata a parroquia nigranesa de Chandebrito, o que simplemente suporía alongar o percorrido 2 kilómetros máis e a cambio deixaría comunicada toda a zona coa cidade olívica.

"É unha demanda histórica dos veciños, que so teñen unha liña de ATSA ao día e que polo tanto viven completamente illados ante a gran deficiencia de transporte público", destacou.
Moitos dos veciños de Chandebrito que non dispoñen de vehículo propio vense obrigados a camiñar ata Coruxo para coller o Vitrasa e chegar a Vigo, xa que o propio núcleo de Nigrán, por onde hai máis frecuencia de ATSA, atópase demasiado lonxe desta parroquia interior.

Caballero respondeu que aínda que non é un trámite sinxelo o poría en coñecemento de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano de Vigo, para tratar de atopar xuntos unha solución.

Por outra banda, González remarca "a gran importancia" de que a lei de área metropolitana "sala adiante porque o proxecto permitirá que os veciños de Nigrán teñan mellores servizos, como transporte, auga e recollida de residuos sólidos". En todo caso, coincidiu con Caballero en que "o primeiro é constituír a área canto antes" e cun modelo en el que tódolos concellos teñan "poder e forza" pero, en calquera caso, liderados por Vigo