#Nigrán avanza no trámite de execución das obras de saneamento para Ceán, Priegue e Camos .

Imprimir
vista nigran

A Xunta de goberno do Concello de Nigrán aprobou esta semana a realización das obras de saneamento no Camiño do Rincho (no barrio de Ceán) e na rúa Salgueiral e o Camiño do Regueiro (Camos), de xeito que antes de fin de ano estarán rematadas e xa en funcionamento. Ademais, dentro do mesmo proxecto realizado dende a enxeñería municipal inclúese o abastecemento de auga para o Camiño do Monte, en Navás (Priegue). O Concello de Nigrán inviste nelas 86,000 euros (sen IVE) e cumpre así coa súa parte do convenio asinado en 2013 con Augas de Galiza e que foi anulado unilateralmente o 27 de xullo por parte da Xunta, organismo que se comprometera a levar o saneamento a parte de Parada e Camos.

Trala súa aprobación, procederase de xeito inmediato á contratación de ditas obras co fin de axilizar ao máximo os prazos. "A súa realización supón un novo paso cara a consecución do obxectivo final deste goberno de levar o saneamento e abastecemento de auga a todas e cada unha das casas de Nigrán", sinala Juan González, alcalde do municipio. Por outra banda, confía en que a Xunta de Galicia rectifique na súa decisión de anular o convenio de abastecemento e o reactive de xeito inmediato.

O citado acordo asinado en 2013 polo que se levaba a cabo a obra de saneamento e abastecemento ás parroquias do municipio de Nigrán contaba cunha dotación de 800.000 euros por parte da Xunta de Galicia e de 200,000 por parte do Concello de Nigrán.

No caso concreto de Parada, tiña un orzamento de 553.216,85 euros e era considerada como prioritaria polo actual goberno, por iso a cuestión foi levada ao seu primeiro pleno o día 30 de xullo, onde se aprobou con tódolos grupos a favor. A cuestión figuraba na orde do día pese a que o 27 de xullo o organismo Augas de Galicia comunicou por escrito ao Concello a sua revogación do mesmo "por incumplimento", feito rexeitado contundentemente polo goberno e tódolos demais partidos.

No mesmo pleno, a corporación por unanimidade acordou aprobar o punto tal e como estaba previsto (e como pedía Augas de Galiza para seguir adiante) e ao mesmo tempo, e tamén por unanimidade, se decidiu engadir unha enmenda que faculta ao alcalde a interpoñer un recurso contencioso-administrativo se a Xunta non rectifica na súa decisión.