A policía local de #Nigrán detivo a un mozo por suposto delito de violencia de xénero

Imprimir

A Policía Local de Nigrán detivo a mañá do sábado 25 de xullo a un mozo por suposto delito de violencia de xénero. Os feitos ocorreron sobre as 10.20 horas, cando unha veciña do edificio situado en rúa Dos Pazos deu unha chamada de aviso á policía denunciando gritos e golpes nun dos pisos. Ao lugar desprazáronse varias unidades e unha patrulla da Garda Civil de Baiona. Ao chegar, o mozo abriu a porta admitindo que estivera discutindo coa súa parella e que froito do acaloramento rompeu unha mesa pequena. A policía contrastou o sucedido con ela, que se atopaba noutra habitación, e ofreceulles unha versión diferente, relatando que a agarrou polo brazo para impedirlle saír do cuarto e despois polo pescozo con forza, soltándoa violentamente sobre a cama e comezando despois a golpear mobles.


Ante o manifestado por ambas partes, procédese á detención do mozo por un suposto delito de violencia de xénero informándolle no lugar, de xeito claro e comprensible, dos dereitos que lle asisten. A Policía Local de Nigrán comunica que "consciente da gravidade deste tipo de delitos e comprometidos co seu erradicación, investiga actualmente e coa maior dilixencia todos os feitos para esclarecer o sucedido e tomar as medidas pertinentes".