A Xustiza confirma a absolución dos cargos por prevaricación ao edil de #Nigrán Antonio Fernández.

Imprimir

A sentencia do provincial confirma a absolutoria ditada pola xustiza penal o pasado 27 de marzo e recorrida pola fiscalía, no proceso no que era acusado Antonio Fernández de prevaricación administrativa. O Ministerio Fiscal solicitaba 9 anos de inhabilitación para o desempeño de cargo público. O xuízo estivo a cargo do Xulgado de Instrución número 3, con dilixencias iniciadas a finais do ano 2009. Nelas acusábase a Fernández da emisión de facturas por valor de 63 mil euros por traballos supostamente non realizados.

O edil sempre defendeu que o montante correspondía á redacción dun proxecto técnico para urbanizar a Rúa Manuel Prado na parroquia de San Pedro. Traballo que "desde o día 12/12/2006 obraba en poder do departamento de servizos urbanos do Concello, cando ademais Antonio Fernández, tiña abandonado o goberno en xuño de 2006", sostén.
"Ao fin fíxose xustiza logo de tanta inxustiza soportada e a Audiencia Provincial, gabia definitivamente un proceso soportado ao longo dos últimos seis anos", sinalaba con satisfacción o edil absolto.

Nun escrito reiteraba que fóra obxecto "dun axuste de contas e linchamento político-mediático , por parte de persoas sen escrúpulos e de baixa catadura moral, levando á vía xudicial enfrontamentos persoais e políticos, con fins perversos e movidos polo rancor e o odio".

Afirma que sempre confiou na xustiza e que a sentenza vén reparar en parte "o dano causado, sabedor da miña total inocencia".
"Perdoo a todos os que dun ou outro xeito contribuíron a propagar esta farsa, que causou un dano irreparable, non só no plano político e profesional, senón tamén no ámbito persoal e familiar, e que lles sirva de exemplo para o futuro, porque en política non vale todo", manifestaba este sábado Antonio Fernández.

Os feitos remóntanse a finais do ano 2009, por unha denuncia presentada ante a Fiscalía, polo entón concelleiro de medio ambiente do PSOE Juan Hermida, segundo da conta Fernández.

Fernández Comesaña, en calidade de Tenente de Alcalde e concelleiro de Novas Infraestruturas no goberno de coalición PP-PINN do que formo parte, lembra que xestionou a redacción do Proxecto de urbanización da rúa Manuel Prado, na parroquia de San Pedro. "Un vial tercermundista e sen beirarrúas, que atravesa a parroquia desde a costa ata o interior, carecendo dos elementais servizos urbanísticos, no que os veciños estanse xogando a vida a diario cada vez que acceden pola estrada estreita e sen beirarrúas, tanto ao templo parroquial como ao cemiterio, polo que é moi concorrido, sendo un milagre que aínda non se produciu algún accidente que lamentar".

Engade que o devandito proxecto tivera dado solución "a unha demanda histórica dos veciños da parroquia, e que desgraciadamente, logo de nove anos todo segue igual".
Sinala que non descarta "suscitar a esixencia de responsabilidades, incluída indemnización por danos e prexuízos causados".