Socialistas negan estar a chantaxear ao alcalde de Nigrán, só queren que cumpra as resolucións do pleno.

Imprimir

O concelleiro Juan González (PSOE)  nega rotundamente calquera tipo de chantaxe asociado á  moción presentada conxuntamente con toda a oposición.  Así sae ao cruce das críticas de Alberto Valverde quen opinou que a negativa de votar calquera resolución plenaria asumida polos opositores ata tanto o alcalde non cumpra con devolver o dobre sentido á Rúa Mariñeiro, era “absurda” e agochaba a intención de non apoiar o proxecto de orzamentos que levará no vindeiro Pleno.

“Non hai ningún tipo de chantaxe nin de presión por parte do Partido Socialista,  e creo que tampouco po parte dos outros grupos municipais, cara ao goberno do Partido Popular de Nigrán”, sinala González

Nese senso aclaraba tamén que o PXOM non periga a súa tramitación. Aínda que puntualiza que será así  “sempre que se leve a cabo con participación, transparencia e consenso”.

Por outra banda e co respecto ao tema orzamentario, afirma que os socialistas apoiarán o que plantexe o goberno,  “sempre que recollan as propostas presentadas no seu día e si considera que son bos para os veciños e veciñas de Nigrán e non porque o rexedor afirme de xeito soberbio que son “los mejores presupuestos de los últimos años”.

Finalmente, González afirmou que o rexedor está á defensiva porque é  “consciente de que non ten a maioría absoluta en Nigrán”. Maioría que perdeu segundo o socialista “polos seus erros e polas súas actitudes e non por culpa da oposición”. Agrega que o alcalde debe saber que “cando o Pleno de Nigrán aproba por maioría unha resolución, esta debe ser aceptada pois é decisión da maioría dos veciños e veciñas de Nigrán”.