Detido o concelleiro de Vías e Obras de Nigrán dentro da operación #Patos por corrupción

Imprimir
Foto. Concello Nigrán . O alcalde Alberto Valverde e o concelleiro de vías e obras José Alvarez . As facturas de obras extra na subida a San Roque foron motivo de controversia a semán pasada a raiz do informe de intervención.

Rexistros en seis concellos, a Deputación de Pontevedra ou a delegación da Xunta e a Autoridade Portuaria de Vigo nunha operación na que o único cargo político detido polo momento é o concelleiro de Vías e Obras de Nigrán, José Alvarez Valverde (PP) e catro persoas vinculadas a Cespa. Investíganse presuntos delitos de prevaricación, suborno e tráfico de influencias.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirma o lanzamento dunha nova operación secreta contra a corrupción en Galicia con dezasete rexistros.

 A Xustiza indica que funcionarios da Unidad de Delincuencia Económica y Fiscal (UDEF) da Jefatura Superior de Policía de Galicia entraron nas seguintes institución públicas: Delegación da Xunta en Vigo, Diputación Provincial de Pontevedra, concellos de Pontevedra, Vigo, Santiago, Ourense, Nigrán e Ponteareas; canda o Consorcio do Casco Vello de Vigo e a Autoridade Portuaria de Vigo.

As mismas fontes confirman que hai catro detidos, entre eles o concelleiro responsábel de obras no municipio de Nigrán, José Álvarez Valverde (PP), que presta declaración no comisaría de Vigo. Os delitos que se investigan son prevaricación, suborno e tráfico de influencias. Os acusados pasarán mañá a disposición xudicial.

17 rexistros en concellos, empresas e organismos públicos.

En total 17 rexistros, tanto en domicilios particulares así como en locais vinculados ás empresas: Cespa S.A., Eiriña S.L., Enalvi e Intermediación Medioambiental S.L., Inversiones Patos S.L. e Reciclaje y Gestión Medioambiental S.L..  Os rexistros tamen alcanzaron a varios organismos oficiais como a delegación da Xunta de Galicia en Vigo, a Deputación Provincial de Pontevedra e os concellos de Pontevedra, Vigo, Santiago, Ourense, Nigrán e Ponteareas. En Vigo tamén foron rexistrados as sedes do Consorcio do Casco Vello de Vigo e a Autoridade Portuaria de Vigo.

As facturas e as obras en Nigrán.

As controversias xurídicas ó redor das contratacións no Val Miñor en xeral, e en Nigrán en particular,  veñen sendo unha tónica habitual ao longo destes anos onde a falta de transparencia dilue a posibilidade de fiscalización dos contratos públicos salvo a través da información que salta á actualidade en medio da disputa política entre as formacións.

No caso de Nigrán, a última aconteceu a semán pasada a aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito que permitirá pagar débedas extra orzamentarias por valor de 116.640€ logo de que un informe do interventor amosara importante reparos e ante a falta de consignación dos gastos por parte dos técnicos municipais. O informe do interventor municipal cuestionaba todas as facturas e facía mención a varias facturas de varias actuacións que foron motivo de confronta entre o propio PSOE e o goberno municipal durante o ano 2013.

Moitos deles acabaron en mans da fiscalía anticorrupción de Vigo logo de que os partidos da oposición en Nigrán xudicializase varios contratos. Así foi o o caso das duchas pre-pago dos areais de Nigrán, o contrato público de  arrendamento dunha nave privada para a concellería de vías e obras, o contrato do servizo de grúa municipal ou contrato de balización de praias coa empresa SEGEM vinculada ás bandeiras azuis.

 Gondomar tamén salpicado nos casos de presunta prevaricación nas contratacións.

O alcalde de Gondomar, Fernando Guitián (PP), foi imputado estes días por un presunto delito de prevaricación administrativa, pola adxudicación do servizo de mantemento de parques e xardíns a unha empresa relacionada cun vogal do PP e ex-presidente da Entidade Local Menor de Morgadáns sen un concurso previo.

A cúpula pontevedresa do Partido Popular, o propio alcalde de Gondomar e os seus socios de goberno, o partido CDL, manteñene silencio até o momento.

Silencio

Os respectivos gabinetes de comunicación de Nigrán e Gondomar gardan silencio en relación aos casos e non existe un pronunciamento das partes implicadas. Os partidos da oposición tampouco se pronunciaron públicamente até o de agora.