Os colectivos veciñais piden participación e transparencia na tramitación do plan xeral

Imprimir
Momento da lectura do comunicado

"Por un PXOM transparente e participativo" Medio millar de persoas achegáronse onte até o concello de Nigrán para coñecer a situación do PXOM a través da portavocía dos colectivos veciñais que realizaron a convocatoria. 

As AAVV puxeron á disposición dos asistentes os planos de calificación urbanística propostos para a aprobación inicial, e deron conta aos veciños da situación das súas propiedades.

A convocatoria lanzada onte polos colectivos e grupos políticos que conforman o consello sectorial do PXOM de Nigrán desplegaron a documentación más gráfica do documento urbanístico para amosalos ós veciños que acudiron á convocatoria. Alí diversos portavoces deron conta aos interesados da situación das súas parcelas e casas. Moitos deles recoñeceron descoñecer o novo documento e non saber da inminente aprobación.

O presidente da AVV O Castro de Chandebrito deu lectura ao comunicado lanzado onte onde amosaron os motivos polos que consideran que este PXOM non pode seguir a diante sen un consenso previo e un estudo máis pormenorizado do documento, logo de que fose entregado polo concello o pasado mércores 5 de xuño.

Os convocantes ao acto convidaron aos veciños a asistir mañá ao pleno extraordinario onde o grupo de goberno municipal pretender levar á aprobación inicial o documento.

O acto transcorreu con total normalidade baixo a atenta mirada dos corpos de seguridade que tamén se deron cita no acto. A Policía Local de Nigrán fotografiando dende o interior do concello, unha patrulla da Garda Civil e outros efectivos de paisano apostados na mesma zona.