O PSOE esixe a entrega inmediata de información sobre o PXOM aos colectivos sociais de Nigrán.

Imprimir
Monteferro

A suposta confirmación do vial norte-sur do Plan Move entre Saiáns-Vilariño, máis unha suposta maior presión urbanística sobre o litoral, especialmente en Montelourido e Monteferro, enche de preocupación aos colectivos de Nigrán. A nova, adiantada en conxunto por La Voz de Galicia e Faro de Vigo, provocou entre outras reaccións a do PSOE local quen esixe ao alcalde Alberto Valverde que confirme ou desminta de xeito inmediato a información.

Os socialistas entenden que o rexedor oculta información en beneficio de persoeiros achegados ao seu partido. Nese senso, o portavoz do PSOE Juan González declarou que en tan só oito meses Alberto Valverde tirou por terra o traballo dos anos anteriores desenvolvidos pola alcaldía de Efrén Juanes, coa totalidade dos partidos, o Consello Sectorial e as asociacións de veciños. González, afirmou que o actual rexedor popular converteu o PXOM "nun documento de catro amigos que buscan lucrarse a costa do esforzo de todos os veciños e veciñas de Nigrán."

Por outra banda, o ex concelleiro de Urbanismo socialista, opinou que de confirmarse as restricións a edificar nas parroquias do interior do municipio, en lugares onde os veciños ven reclamando dende hai anos a súa habilitación, desembocará nun éxodo dos mesmos. Por iso adiantou que "O Partido Socialista non permitirá que Alberto Valverde e catro amigos queiran converter o interior de Nigrán nun espazo baldío e obriguen aos seus veciños e veciñas a abandonar as súas parroquias", manifestou esta tarde o concelleiro Juan González.

Por último, a agrupación socialista de Nigrán presentou esta tarde unha petición por escrito ao rexedor na que solicita a entrega dunha copia do documento do PXOM ao Grupo Municipal Socialista. Á vez que solicita a convocatoria da Comisión de Urbanismo para dar explicacións do estado de tramitación do documento. Finalmente, no mesmo escrito reclama a convocatoria do Consello Sectorial do PXOM de Nigrán.