Por primeira vez unha rede de suministro de auga chega ao barrio da Carrasca en Parada.

Imprimir
Carrasca3

O proxecto de acceso á Praza A Carrasca na parroquia de Parada, dende Porto de Molle contará cun orzamento próximo aos 88.000€ e permitirá a chegada da rede de abastecemento de auga ao barrio, ademais da colocación na Rúa de A Carrasca de alumeado público e sinalización novas. A obra foi adxudicada provisionalmente a empresa Eiriña e o proxecto foi redactado polo enxeñeiro Roberto Aya. As obras comezarán nos próximos días. O prego prevé un prazo máximo de tres meses para a súa finalización. Unha vez rematados estes traballos o Concello de Nigrán ten prevista unha segunda etapa onde o obxectivo será levar a rede de abastecemento de auga a todo Parada.

A Rúa A Carrasca que une a Parada pola súa parte sur co Parque Empresarial Terciario de Porto de Molle é considerada unha vía de comunicación estratéxica para o “crecemento ordenado de Nigrán”, así como para o fluxo de tráfico unha vez posto en funcionamento o devandito parque empresarial, afirman dende a Concellería de Urbanismo de Nigrán. O concelleiro Juan González tamén salientou o feito de que por primeira vez a Parroquia de Parada “disporá de rede de abastecemento de auga”, grazas a un sistema de bombeo en liña dende Porto de Molle.

Asemade esta conexión entre Porto do Molle e Parada permitirá nunha segunda fase, e a través dunha tubería de impulsión e da construción dun depósito de formigón HA-25 de consistencia plástica, o suministro de auga potable para toda a Parroquia de Parada segundo estudo realizado polo estudo Esinpro Ingeniería e que ascenderá a 346.420€ e a reordenación da Praza de A Carrasca segundo proxecto realizado pola Aula de Recuperación Urbana da Universidade de Santiago.