Manuel González da plataforma SOS Sanidade falará sobre sanidade pública na sede do BNG Nigrán.

Imprimir
Sede do BNG en Nigrán

O BNG de Nigrán no marco do seu rexeitamento pola futura privatización do Centro de Saúde de Panxón, organiza mañá martes ás 20:00 horas na sede da organización (R/Val Miñor 2, tras Correos) unha charla coloquio sobre a sanidade pública nos centros de atención primaria. Na mesma intervirá Manuel González Moreira, médico e voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública. Segundo a agrupación nacionalista se considera "moi importante o tema a tratar ante a clara intención da Xunta de privatizar o sistema: abandono do plan de mellora de atención primaria, do plan de saúde mental, a eliminación da actividade dos hospitais públicos pola tarde…"

Segundo o BNG, o tema concirne moi de preto a Nigrán, xa que a Xunta de Galicia pretende privatizar o seu futuro centro de saúde, que se debía licitar no 2010. Afirman que a Consellería de Sanidade intenta "maquillar" o termo privatizar "recorrendo ao subterfuxio de denominar a esta fórmula como pago por dispoñibilidade’". Os nacionalistas adiantan que "Esta é a mesma estratexia que se levará a cabo no Novo Hospital de Vigo e noutros 18 centros de saúde de Galiza."

“A xestión dos servizos xerais, que inclúen a empresas de seguridade, mantemento e xestión enerxética, xestionarase mediante un modelo que buscará o pago por dispoñibilidade”, indica a Consellería. O BNG de Nigrán opina "que isto suporá un risco para os usuarios, xa que as empresas adxudicatarias tratarán de maximizar os seus beneficios aforrando nestes capítulos: limpeza, seguridade, mantemento, xestión enerxética, xestión de residuos e labores de desinfección, desinsectación e desratización. "

O BNG de Nigrán afirma que o gasto sanitario non só non se vai a reducir, senón que se vai ver multiplicado por seis," iso sí, os consorcios sanitarios que resulten adxudicatarios sacarán talladas millonarias, tal e como está a suceder nas comunidades autónomas gobernadas polo PP, onde tamén apostan por esta fórmula" afirman.