O Concello de Nigrán outorgou esta mañá unha licenza de obras a Zona Franca de Vigo para a construción dun edificio comercial e de oficinas en Porto de Molle. Os traballos de edificación comezarán nos próximos días cun investimento estimado en 4.343.157 euros.
O edificio ocupará unha superficie 1.544,27 m2 e cunha edificabilidade de 4.872, 62 m2, distribuídas en planta souto, baixo e tres andares para uso de oficinas e comercial.
Xunto á compra de parcelas por parte das empresas DISNA S.L., BRIGAL S.A., MARIÑAR INSTRUMENTS S.A. e G.T.G. ENXEÑEIROS S.L. , máis o arrendamento das naves bioclimáticas en construción por parte de BIBUS SPAIN S.L., Porto de Molle dá os seus primeiros pasos para a súa posta en funcionamento.
O concelleiro de Urbanismo e 1º Tenente de Alcalde Juan González afirmou que Porto de Molle camiña a converterse nun "motor económico de Nigrán e o Val Miñor". Agregou que dende o Concello de Nigrán e Zona Franca se aposta de xeito claro e decidido por un gran proxecto que axudará ao crecemento ordenado e a un cambio de tendencia no modelo produtivo. " Por último, o concelleiro dixo que todo isto “redundará de xeito importante en crear riqueza no noso municipio así como na aposta decidida polo apoio á creación de emprego.”