Promoven unha candidatura de unidade en Gondomar a prol dun goberno de “raíz veciñal”.

Imprimir

Os promotores convidan á cidadanía a participar do acto aberto que terá lugar o vindeiro venres 6 de marzo ás 20 horas no Centro Neural de Gondomar. O documento da convocatoria ven asinado polas formacións locais de Esquerda Unida (EU), ANOVA, Asinantes por unha Agrupación de Electores así como un grupo de veciños e veciñas "sen afiliación política". Salientan a necesidade de instalar unha forza de "raíz veciñal" no Concello de Gondomar, que represente "os intereses da maioría do pobo".

Afirman que Gondomar atópase "nunha evidente precariedade", responsabilizando ao goberno do PP e os seus aliados por "anos de ineficacia na xestión municipal, escándalos de corrupción e repetidas traizóns á confianza do electorado".

Sinalan que a "única forma de cambiar este tipo de gobernos é a de presentar unha forza de raíz veciñal que represente os intereses da maioría do pobo, cambiando a forma de facer política".

Advirten que dende a administración local, "a máis achegada ao pobo, poden solucionarse unha gran cantidade de problemas que a xente do común debe enfrontar cada día".

Convocan a "deixar de lado as cuestións persoais e partidistas para iniciar un proceso de confluencia que permita o cambio que a sociedade local demanda e que poida representar unha esperanza real nas eleccións municipais do vindeiro 24 de Maio".