Araúxo: “O Goberno Municipal do PP de Gondomar terá que demostrar agora a quen defende: á veciñanza ou ao Sr. Louzán e os negocios da Deputación”.

Imprimir
antonio araujo

"O aprobado polo Pleno o pasado xoves 2 de outubro, non vincula xuridicamente ao Goberno Municipal, é dicir, poden facer caso omiso do acordado". Así o entende o concelleiro nacionalista Antonio Araúxo consultado sobre a decisión do goberno de Gondomar, que pasará ao cobro os recibos da taxa do lixo correspondentes a 2013 e 2014 a pesar do mandato contrario do pleno. O edil opositor matiza que o acordo plenario ten un "valor político", que reflicte a opinión da maioría dos representantes dos veciños na corporación, mais só compromete eticamente ao goberno. "O Goberno Municipal do PP de Gondomar terá que demostrar agora a quen defende: á veciñanza ou ao Sr. Louzán e os negocios da Deputación".

Consultado sobre un reclamo pola vía xudicial, Araúxo explica que só podería ter lugar nun proceso do contencioso administrativo. Só unha sentenza do tribunal, e sempre que os maxistrados deran lugar ao proceso, podería obrigar ao alcalde Fernando Guitián (PP) a dar carácter vinculante ao acordo plenario. Pero a lexislación sobre este tipo de conflitos é complexa, os procesos longos e os maxistrados pouco dispostos a acollelas: "se a oposición quere gobernar que faga unha moción de censura ao goberno", ironiza o edil sobre unha probable resposta do tribunal.
Araúxo: O cobro retroactivo dos recibos de dous anos "é un abuso sen parangón"
Sobre o tema de fondo, o cobro das taxas, Araúxo sinala que "todo mundo entende que os servizos municipais prestados hai que pagalos". Mais opina que a pretensión do goberno municipal do PP de cobrar os recibos do lixo do 2013 e posiblemente do 2014 con carácter retroactivo, "é un abuso sen parangón. Castigar aos cidadáns polo desleixo e a ineficacia de quen nos goberna que non fai o seu traballo en tempo e forma, ademais de irresponsable non é ético", salienta.
O goberno cobrará tres anos de servizo nun período de 12 meses.
A maiores está previsto o cobro dos recibos correspondentes a 2015 en menos dun ano. "O cobro deses tres recibos en menos dun ano, é a primeira consecuencia da entrega sen condicións do servizo de recollida do lixo á Deputación", sinala o edil. "É dicir, teñen que comezar a facer caixa canto antes para que o negocio lle saia ben ao Sr. Louzán".
A "milonga" de que a taxa do lixo estaba incluída no IBI.
"A milonga que o goberno do PP nos vendeu hai anos, segundo a cal a taxa do lixo estaba incluída no IBI, foi mentira", denuncia. Engade que a proba "témola agora coas devolucións do IBI indebidamente cobrado que fai o ORAL, onde non se desconta a suposta parte proporcional que debería corresponder a ese cobro ficticio do lixo".
Opina Araúxo que "o conto" da inclusión no IBI veu dado daquela, polo medo do PP á suba dos IBIs motivada pola inclusión de centos de propiedades rústicas que pasaban a tributar como urbanas debido á aprobación do PXOM no ano 1997.
Araúxo: o goberno deberá decidir se defende a veciñanza ou os negocios da Deputación.
Araúxo é firme en canto que o goberno de Gondomar está agora diante dunha decisión política: "cobrar os recibos retroactivamente ou non cobralos. O Goberno Municipal do PP de Gondomar terá que demostrar agora a quen defende: á veciñanza ou ao Sr. Louzán e os negocios da Deputación".