EU denuncia o peche por falla de persoal da Biblioteca Municipal de Gondomar.

Imprimir
casa-cultura-gondomar

Esquerda Unida Gondomar denuncia  que a Biblioteca Municipal se atopa pechada por falta de persoal. O seu portavoz, Josué Villar, afirma que actualmente o préstamo de libros só é posible achegándose á concellería de Cultura, “complicando a tarefa dos traballadores desta área e facendo que o acto de sacar un libro sexa, en lugar de incentivado, máis complicado”.

Por outra banda,  engade que a Biblioteca funciona dentro da “escasa oferta cultural do Concello” como sala de ordenadores, de consulta do periódico ou de sala de estudo. Actividade que agora sinala, debe desenvolverse no vestíbulo do salón de actos da Casa de Cultura, “un espazo ruidoso e totalmente inadecuado para o estudo”. Ademais disto, “pra chegar á biblioteca municipal é necesario subir escaleiras, dificultando o acceso a minusválidos a mesma”.

Responsabiliza da situación ao Concello de Gondomar polo que entenden “unha mala xestión dos cartos públicos”, así como ao goberno do Estado polas limitación de competencias e presupostos aos municipios que impiden a nova contratación de persoal.

EU-Gondomar demanda” iniciar os trámites oportunos para resolver canto antes esta situación que xa tería que estar resolta por ser previsible pra o goberno local, tras o desfile de persoal temporal ou contratado para outras tarefas”.