Preocupación polo estado dos petróglifos da estación III de Agua da Laxe tras unha tala en Vincios.

Imprimir
aguadalaxe3

Unha imaxe desoladora ofrece a Estación III de Auga da Laxe trala práctica dunha tala de árbores no entorno da súa zona protección. Un eucalipto xacía ata este xoves ocupando parte dos petróglifos e unha morea de polas espallábanse na súa superficie e no perímetro de protección deste ben patrimonial pertencente a un dos complexos arqueolóxicos máis importantes de Galicia.

A desfeita foi atopada polo profesor Pablo Casal que percorría a zona preparando unha visita guiada para a ANPA e estudantes do IES Terra de Turonio de Gondomar. O complexo de petróglifos de Agua da Laxe consta de catro estacións, sendo a máis coñecida a número I onde se localiza A Pedra das Procesións, o conxunto de petróglifos con armas máis grande de Europa. A tala afectou a estación III, un conxunto prehistórico de arte rupestre cun petróglifo de dúas alabardas e varios puñais, así como coviñas en ringleira. A estación constaba doutros debuxos, que agora non se aprecian polo paso do tempo e a falla de conservación.

A xeira que estaba a preparar o profesor Pablo Casal ironicamente ten por finalidade amosar aos novos a riqueza natural e patrimonial que agocha o seu concello. “Que vou dicirlles aos rapaces cando vexan isto?” preguntábase o docente e autor do libro recentemente publicado  Didáctica da Serra do Galiñeiro (IEM, 2013).