ANOVA : A demora na adecuación catastral de #Gondomar sigue a prexudicar aos veciños no pago do IBI.

Imprimir
gondo-centro

-Acusan ao goberno municipal de “non querer facela” aínda que a Dirección de Castro xa remitiu a inicios de febreiro dúas propostas á administración local.

-ANOVA xa reclamara ao Concello facilitar documentación aos veciños que están a pagar contribucións (IBI) “inxustas” pola falla de actualización catastral que sofre Gondomar.

-O Concello de Gondomar deberá optar por unha revisión total das valoracións catastrais ou dar de baixa as propiedades fóra da delimitación de solo de natureza urbana para adecuarse á realidade urbanística actual, segundo propón a Dirección Xeral de Catastro.

Antecedentes

O pasado mes de outubro do ano 2013, nun pleno extraordinario realizado a petición dos cinco concelleiros nacionalistas, a Corporación Municipal de Gondomar, acordou por unanimidade solicitar da Dirección Xeral do Catastro e a Subxerencia Territorial do Catastro de Vigo, a revisión do catastro municipal co obxecto de adaptalo á realidade urbanística actual derivada da anulación do PXOM no ano 2005 por sentenza firme do Tribunal Supremo.

As propostas do Castastro

Segundo o portavoz nacionalista, Antonio Araújo (impulsor do acordo),  “despois de moito insistir” ao goberno municipal para que se lle dese traslado do acordado polo pleno aos devanditos organismos, o pasado día 11 de febreiro, a Subxerencia do Catastro de Vigo contéstalle ao Concello de Gondomar que tiña dúas opcións para resolver o problema. Unha de revisión total das valoracións e  a elaboración dunha nova Ponencia de Valores que podería entrar en vigor no ano 2016; e outra que consistiría en dar de baixa todas aquelas propiedades que a día de hoxe estivesen fóra da delimitación de solo de natureza urbana, que entraría en vigor no anos 2015 .

Para os nacionalistas o Concello está dilatando a decisión.

Araújo sinala que “a día de hoxe o goberno municipal aínda non tomou ningún tipo de decisión”,  a pesar que “tomala é da súa exclusiva competencia”. Proba diso, asegura, é que a alcaldía vai dar conta da devandita comunicación no pleno do vindeiro 3 de abril cando “todos os grupos xa coñecemos o escrito do Catastro”.

Para o grupo nacionalista esta demora vai provocar que a solución ao  problema “se dilate aínda máis do previsto polo Catastro, sempre en prexuízo dos cidadáns con menos recursos e que o mesmo  non poida estar resolto até  o ano 2017 no caso da opción primeira , ou até o 2016 no caso da segunda opción, no mellor dos casos”,sinalan.

No caso de optar pola segunda opción, “a mais rápida e menos complicada”, segundo opinión dos nacionalistas, significaría que “moitas familias gondomarenses verían aliviada a carga fiscal que soportan xa o ano que vén, algo moi importante nos tempos de crise, paro e de recortes que vivimos”.