A ordenanza coa eliminación da licenza previa para actividades e obras conta con aprobación inicial en #Gondomar.

Imprimir
casa-urbanismo

Aínda que contou con reparos do arquitecto municipal a nova ordenanza reguladora para o inicio de actividades económicas e apertura de obras xa ten aprobación inicial en Gondomar. O regulamento adaptará os procedementos na materia ao establecido na Lei 9/2013, do Emprendemento e da Competitividade  que estableceu un réxime xurídico único para toda Galicia, eliminando a licenza municipal de apertura previa á instalación e ao inicio da actividade (licenzas de actividade ou instalación e de apertura ou funcionamento). Trala súa publicación no Boletín Oficial de Pontevedra, abrirase un período de información pública así como para presentar suxestións e alegacións.

O arquitecto municipal cualifica como “precipitado e imprudente” o texto aprobado.

No seu informe, o arquitecto municipal entende que o regulamento elaborado pola alcaldía é  “precipitado e imprudente”  xa que se prevé un próximo desenvolvemento normativo de dita  lei a nivel autonómico.  Cualifica o texto presentado coo “bastante desordenado”,  e cunha redacción “deficiente e confusa e contribuirá a confundir os procesos”. Entre outros aspectos, tamén fai referencia que a regulación da Lei 9/2013 complícase nun concello “sen regulamento urbanístico.

A alcaldía defende a necesidade de aprobar a norma e admite modificacións a futuro.

Aínda estas pegas do técnico municipal, a alcaldía entendeu necesaria a súa aprobación inicial co matiz de que pódese modificar a futuro. Na súa argumentación, sinalou a necesidade de contar cun instrumento que determine con claridade os procedementos e documentacións necesarias que os interesados en iniciar actividades ou obras deben presentar ao Concello.

A nova ordenanza nace só cos votos dos concelleiros de goberno.

A nova norma foi aprobada no pasado pleno do xoves, polos 8 concelleiros de goberno co voto contrario dos 5 edís de ANOVA, e 4 abstencións (2 do PSOE, 1 de IXG, e mais o non adscrito Eladio Costas). En liñas xerais a oposición coincidiu que era necesario estudar con detalle a nova ordenanza así como o informe do arquitecto municipal. No caso dos nacionalistas cuestionaron tamén a falla dun informe de legalidade da Secretaria Municipal.