-Con coloridos disfraces, máscaras e fantasías máis dun milleiro de raparigos percorreron a vila acompañados de mestras e profesores ante unha multitude de veciños que saíron ás rúas na primeira xornada do Entroido de Gondomar.
Esta mañá, e a pesar de que o tempo ameazaba chuvia, máis de 1000 nenos e nenas provenientes de sete centros educativos de Gondomar desfilaron cos seus disfraces polas rúas do municipio na Gran Carreira pedestre da comparsa escolar, Corre coa túa máscara! Sen dúbida, a graza e inhibición dos máis novos que bailaron e cantaron ao longo do percorrido gañou o aplauso de centos de veciños que apostados nas beirarrúas acompañaron a columna multicolor.
O desfile saíu ás 11.00 horas dende o Pavillón de Deportes e percorreu as principais rúas do casco de Gondomar durante unha hora aproximadamente, volvendo ao Pavillón de Deportes.
O evento amosou un importante traballo de confección de máscaras, disfraces e diversas fantasías por parte dos centros e familias do participantes. A organización e coordinación da marcha contou co apoio e coordinación da Concellaría de Cultura e Festexos local.
Segundo estimacións da concellaría, nesta ocasión participaron 1200 nenos e nenas de 7 centros educativos do municipio (IES Terra Turonio, IES Auga da Laxe, CEIP Chano Piñeiro, CEIP Xosé Neira Vilas, Escola Unitaria de Mañufe e os nenos e nenas do C.R.A. e da Galiña Azul).