Un grupo de operarios do Concello de Gondomar atopou un antigo paso de pescadores entre as silveiras durante unhas tarefas de limpeza do río Zamáns, á altura da Praza de Abastos. Dende o Concello sinálase que o lugar foi acondicionado polos traballadores retirando a vexetación que o cubría.
O antigo paso foi descuberto durante os traballos de mantemento das marxes do río ao seu paso pola vila de Gondomar, segundo sinala o Concello, co fin de minimizar os efectos das enchentes do río, que cada ano afectan a esta zona.
A actuación centrouse nas marxes do río da zona da Praza de Abastos, onde se rozou e limpou o exceso de vexetación que obstaculizaba a libre circulación da auga. Á súa vez, o acondicionamento das marxes deixou ao descuberto o antigo paso de pescadores sepultado, dende hai anos, baixo as silveiras, procedendo ao seu acondicionamento.