O PXOM de Gondomar para o 2016?

Imprimir

VISTA AREA_DE_GONDOMARA Xunta de Galicia reelaborou o calendario da subvención para a tramitación do Plan Xeral de Organización Municipal (PXOM) de Gondomar fixando o ano 2016 para o pago da última cota correspondente á aprobación definitiva do documento. O novo cronograma espertou críticas por parte do ex alcalde nacionalista (2007-2009) e actual concelleiro non adscrito Xosé Antonio Araúxo quen opinou que finalmente o PP ten programada a aprobación do documento "10 anos despois de nós iniciar os trámites para que Gondomar tivese o tan necesario PXOM".

 

cronograma-pxom-subvencion

Pola súa banda, o alcalde Fernando Guitián informou que o calendario de pagos elaborado pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta, foi solicitado pola propia alcaldía a fin de acompasar os tempos da actual tramitación cos vencementos establecidos no convenio da subvención. Agregou que o devandito cronograma só determina os tempos nos que o Concello poderá cobrar as cotas, nembargante os tempos reais da tramitación entende que serán máis breves.

Nese senso, o rexedor estimou en non máis de 60 días a presentación da actualización do documento do PXOM feita polo equipo redactor en base as correccións e suxestións formuladas polos técnicos da Xunta de Galicia. A que será á súa vez entregada para o seu estudo aos técnicos autonómicos e municipais, así como ás agrupacións políticas que integran o Pleno da Corporación.

As causas do novo cronograma de pagos segundo o alcalde.

Consultado sobre os motivos do desfasaxe que obrigaron a pedir a prórroga de prazos, o alcalde sinalou dúas causas. A primeira, unha incongruencia entre as etapas orixinais fixadas no convenio de 2007 coa Xunta para o pago das cotas correspondentes ás fases do PXOM, coas que se fixaran co equipo redactor no contrato. Por mor diso, o alcalde sinalou que agora correspondía cobrar a cota correspondente á aprobación inicial do PXOM (xa se cobrou a de inicio), cando en realidade o equipo redactor está nunha etapa previa. A segunda causa que motivara a petición de prórroga estaría en que o monto a cobrar sería superior ao que se leva gastado, produto dese desfasaxe.

Araúxo: "o goberno non fixo nada"

"En Gondomar baixo dirección do Sr. Louzán, fixeron hai tres o anos a consabida moción de censura co obxectivo principal de dotar a Gondomar dun novo PXOM", lembrou o concelleiro Araúxo, quen fora removido da súa función de alcalde de Gondomar por mor desa operación política. "Pois ben, o goberno non fixo nada nos dous anos que tivo de mandato, e as licenzas concedidas e a maneira de concedelas están pendentes de resolución xudicial cunha actuación da Fiscalía", agregou.

Nas súas declaracións, Araúxo afirmou que o "actual goberno do PP que tamén prometeu solucionar o asunto urbanístico, e ben que se aproveitou del para gañar as eleccións, nada fixo no ano que leva gobernando". Logo de recordar que no seu mandato se obtivo a subvención de 224 mil euros coa que se paga a actual tramitación do PXOM, indicou que " acabamos de saber que a propia Xunta de Galicia por medio da devandita Secretaría Xeral, vén de axustar os prazos para o pago da subvención conseguida no 2007, prazos que van en consonancia cos diferentes trámites na redacción do PXOM. Pois ben, agora sabemos que a Xunta prevé aprobar inicialmente o novo PXOM de Gondomar no ano 2016, é dicir 10 anos despois de nós iniciar os trámites para que Gondomar tivese o tan necesario PXOM."

Para cando o PXOM de Gondomar?

Segundo o alcalde a tramitación complexa do documento non fai posible albiscar unha data exacta. Pero estima a súa aprobación inicial antes do ano 2014, fecha prevista para o pago da cota da subvención correspondente a dita fase segundo o novo cronograma de pagos. Nese senso estimou que a alcaldía deberá acordar os pagos coa empresa redactora nos tempos sinalados pola Xunta.

Para a oposición pola contra, os prazos do cronograma de pagos "van en consonancia cos diferentes trámites na redacción do PXOM", polo que non ven como o goberno bipartito poderá adiantar a aprobación do PXOM para antes do ano 2016. Por certo, de cumprise dese xeito, o PXOM tería percorrido case dez anos e catro mandatos municipais, posto que en 2015 renovaríase o goberno local.