Os colectivos de protección dos dereitos dos animais reclaman "contundencia xudicial" no caso da canceira de Vincios.

Imprimir
vincios-3

Varias fosas con cans mortos atopadas na canceira de Vincios por persoal do Seprona determinaron que o propietario do establecemento quedara imputado por orde da fiscal o pasado luns. A inspección tivo lugar a consecuencia das dilixencias abertas pola Fiscalía de Medio Ambiente, logo de varios anos de denuncias de diversas asociacións protectoras de animais e particulares sensibles co tratamento que reciben os cans en situación de abandono.

 

Nese senso, a delegación comarcal do colectivo Libera!, expresou a súa satisfacción pola apertura de dilixencias por parte do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e da Garda Civil. Libera!, que presentara en 2011 un escrito penal ante a Fiscalía de Medio Ambiente contra Cánidos Val Miñor (titular da canceira de Vincios), reclamou "contundencia xudicial", a través dun comunicado público.

A asociación Libera solicita no mesmo escrito que os municipios que recorreron aos servizos desta empresa, como Baiona, Gondomar ou Nigrán, resolvan o contrato inmediatamente. Así mesmo, pide que se incrementen os efectivos e a frecuencia das inspeccións de Medio Ambiente, pois cre "case surrealista" que a canceira de Vincios dispuxese da documentación en regra.

O Seprona imputou ao responsable de Cánidos Val Miñor delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente pola eliminación incontrolada de animais mortos e por sacrificios de cans abandonados sen control facultativo, e a un veterinario pola presunta emisión de certificados técnicos sanitarios falsos.

Segundo o informado aos medios, os cadáveres dos cans presentan diferentes estados de descomposición, algúns deles mortos en datas recentes, o que está dificultando o labor de cuantificar os cans que hai enterrados nas fosas comúns.

A indignación das diversas asociacións e cidadáns reflectiuse inmediatamente nas redes dende a mañá deste martes. Centos de mensaxes celebraban as pescudas do Seprona, así como reenviaban as novas publicadas por distintos medios.

Pola contraria, o xerente de Cánidos Val Miñor aseguraba ao xornal Faro de Vigo que os sacrificios se fan "con todos los controles". Lamentaba a campaña de "difamación" que sufre a empresa e salientaba que "nosotros amamos a los animales y tratamos de curarlos de sus enfermedades cuando los traemos de la calle."