Gondomar estará baixo vixilancia especial da Xunta en materia de abastecemento de auga.

Imprimir
O

O anuncio fíxoo o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, no marco do informe respecto da situación da seca "en Galicia e previsión cara o verán" da Consellaría de Medio Ambiente , Territorio e Infraestruturas na reunión mantida polo Consello da Xunta, este xoves 21 en San Caetano. O presidente do executivo galego comunicou tamén que será comunicado o "estado de seca oficial" a todos os concellos de Galicia - Costa. Alberto Núñez Feijóo, sinalou que o descenso no caudal dos encoros galegos a niveis máis baixos dos habituais para esta época non é "preocupante" desde o punto de vista do abastecemento, pero si desde o punto de vista "do campo e da recolección".

No Consello, o informe de Medio Ambiente sobre a situación dos encoros galegos, sinala que se aprecia unha baixada do nivel medio de ocupación desde o 73% que se rexistrou a finais de maio ao 62% actual. Respecto dos encoros de abastecemento, o descenso foi dun 14%, ao pasar do 91% de maio ao 77% co que contan agora.

Medidas de prevención

Núñez Feijoo informou que xa se adoptaron "medidas preventivas" para evitar o desabastecemento de auga se a situación persiste. Entre elas, autorizaron á modificación do réxime de caudais ecolóxicos do encoro de abastecemento de Caldas (Pontevedra), e dos encoros das localidades pontevedresas Eiras e Zamáns, cando se dean "circunstancias concretas de explotación", o que "aumenta as garantías de abastecemento".

Tamén se intensificou a vixilancia da explotación dos encoros de abastecemento, e comunicarase a situación de seca "de modo oficial" aos concellos de Galicia-Costa, "invitándoos" a que colaboren no aforro de auga "en virtude das súas competencias". Ademais, prevén pór en marcha vixilancia especial en Gondomar e no sistema de Pontevedra.

Así as cousas, Feijóo anunciou que manterán "un programa de seguimento dos caudais dos ríos na bacía Galicia-Costa para ir tomando medidas oportunas" e chamou á "moderación e responsabilidade" no consumo de auga. Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de aforro por parte das Administracións públicas, concellos e entidades subministradoras, así como un uso consciente "por parte de cada galego".