Fernando Guitián non fala do cisma pero aparecen as primeiras reaccións públicas no PP Gondomar.

Imprimir
Fernando Guitián, candidato a alcalde polo PP Gondomar.

O candidato popular Fernando Guitián mantén a súa intensa axenda de traballo de cara ás eleccións municipais a pesar do cisma polo que atravesa o seu partido. Baixo a premisa de que no PP segue todo igual, xuntouse a tarde do mércores 13 de abril cunha ducia dos dirixentes e militantes que decidiron permanecer no partido e arroupar ao candidato a alcalde designado por Rafael Louzán. Segundo o manifestado polo candidato a Valminor.info, a reunión tiña por obxectivo continuar os traballos na confección da lista de candidatos, a que non estaría aínda pechada. A pesar da insistencia os populares non deron a coñecer nomes. Con respecto a situación da escisión do grupo municipal e boa parte da Xestora Local, Guitián mantivo un prudente silencio ante a falla dunha comunicación oficial tanto do partido como dos implicados. Pola súa banda, a aínda portavoz municipal do PP Natalia Salgueiro, traballaba noutro local da vila na preparación da súa candidatura polo partido Centro Democrático Liberal. E a vez que aseguraba que a Guitián non ten que comunicarlle nada, sinalaba que os dirixentes provincias do PP xa están informados da situación.

A lista do PP

A pesar do mutismo co respecto aos posibles nomes que acompañarán ao de Fernando Guitián, onte deixáronse ver xunto ao candidato recoñecidas figuras do PP Gondomar como o presidente da Entidade Local Menor de Morgadáns, Urbano Esmerode, o concelleiro municipal Miguel Ángel Jorge Álvarez e uns dos sobreviventes da Xestora Local do PP e home clave nesta campaña Fernando Oriol.

As primeiras reaccións do PP Gondomar con respecto aos escindidos.

Durante a noite do martes 12, poucas horas despois da confirmación da candidatura de Natalia Salgueiro, Valminor.info mantivo un pequeno encontro co candidato Fernando Guitián e mais o responsable de política municipal da Xestora, Fernando Oriol. Nese encontro, ambos os dous populares mantiveron unha actitude moi prudente, evitando dar calquera manifestación definitiva sobre o punto. Nin as manifestacións de Natalia Salgueiro reproducidas no ordenador da sede do PP, nin a folla impresa coa portada da páxina web montada por Eladio Bargiela coas siglas coa que se presentará a candidata, foron motivo abondo para lograr un recoñecemento da situación de fractura pola que atravesan os populares en Gondomar.

O que non tivo reparos en falar do tema na tarde de onte foi o concelleiro Miguel Ángel Jorge Álvarez, cuñado de Salgueiro: "No entiendo como el partido todavía no tomó medidas contra esta gente", manifestou en referencia co grupo de escindidos. "Natalia es mi cuñada, pero yo soy del PP, y hoy el candidato del PP es Fernando Guitáin" . Miguel Jorge afirmou que si el puxo o seu cargo de concelleiro a disposición do partido foi porque non podía soportar o que o grupo liderado pola súa cuñada estaba a facer.