Vincios lograría unha figura de protección para as súas 420 ha afectadas polo parque eólico.

Imprimir
Delimitacion Xeral

Alberto Covelo Casal, presidente da Comunidade de Montes de Vincios asegura ter o compromiso de tódolos partidos políticos con representación no concello de Gondomar e o Parlamento Galego para manter o Acto de Prevalencia que dende 2002 lle permite manter o monte a resgardo de iniciativas alleas aos intereses dos comuneiros. Grazas a esta figura a Comunidade impediu en 2002 a instalación dunha macro canteira nas súas parcelas e agora impediría a utilización de 420 hectáreas de monte para a colocación de muíños de vento.

Nunha conversación con Valminor.info, Alberto Covelo dixo que a asemblea da Comunidade decidiu que non necesita do proxecto eólico para a súa supervivencia. Ao mesmo tempo sinalou, que o colectivo ten en marcha o Plan do decenio 2010 - 2020 para o Galiñeiro cunha perspectiva multifuncional do seu uso. Na mesma destaca unha plantación experimental con diferentes clones de máis de 18 especies, outras tradicionais de carballos e castiñeiros. A isto se agregan iniciativas como a utilización de 7 hectáreas para cogomelos, e outras 16 que se están pechando para os gandeiros e que terá o saneamento en condicións segundo as normas veterinarias en vixencia. Por último, Covelo recordou que dentro das actividades da Comunidade está o polígono industrial A Pasaxe.

Dende o mes de setembro, a directiva da Comunidade de Montes de Vincios ven traballando neste sentido e xa mantivo reunións coas executivas do PSOE, PP, BNG e Move Gondomar no plano local. O compromiso obtido foi a celebración no próximo mes de xaneiro dun pleno onde se vote a inclusión na redacción do PXOM de Gondomar, dunha figura de protección para a serra do Galiñeiro.

Ao mesmo tempo realizou varias visitas á cámara autonómica onde os parlamentarios da comisión de Industria e Medio Ambiente formularon o compromiso de votar unha nova declaración de Acto de Prevalencia . Covelo confirmou que xa ten o compromiso dos parlamentarios do PP, PSOE e BNG.

Alberto Covelo aclarou que non está en contra da enerxía eólica, per si da instalación dos parques en calquera zona. Por outra banda, afirmou que respecta a decisión de aquelas organizacións que decidan aceptar para lograr sobrevivir co canon que pagarán as empresas. Por último, opinou que nesta nova lei a decisión dos propietarios "non pinta nada", e si non hai acordos entre propietarios e empresas o final é a expropiación.