Compostaxe: prevención e restauración

Imprimir
O proxecto Compostaxe: prevención e restauración consiste na contribución á posta en marcha do proceso experimental para o deseño dunha Planta de compostaxe de materia vexetal coa finalidade de xerar compost que permita levar a cabo, entre outras cousas, labores de restauración ambiental de áreas degradadas.

Con este proxecto trátase de aumentar a prevención de incendios mediante a recollida de mato. Mediante a reducción e eliminación da biomasa de crecemento anual nas zonas máis sensibles dos bosques reducirase enormemente a capacidade pirofítica da vexetación do monte, sobre todo nos meses de verán que son críticos no sur de Galicia.  Nun segundo plano trátanse de aproveitar os residuos vexetais forestais (poda, entresaca) e de xardinería que actualmente son queimados directamente ou retirados polos servicios de limpeza municipais ao tratamento habitual de residuos sólidos, aumentando moito o volume dos mesmos e despilfarrando un recurso perfectamente reutilizable.

O compost obtido despois do proceso de fermentación da materia orgánica vexetal será utilizado como substrato para restauración de solos degradados así como aplicado dun xeito práctico no viveiro de reproducción de plantóns de exemplares forestais autóctonos.

Este proxecto é promovido pola Mancomunidade de Montes en Man Común do Val Miñor e pola Organziación Galega de Montes en Man Común. Conta xa coa financiación  da Fundación


La Caixa e do programa PRODER da Mancomunidade de Vigo e está en espera de asinar unha financiación complementaria da Consellería de Medio Rural.

O domingo día 11, as 12 da mañá, no Centro Cultural e Recreativo de Peitieiros terá lugar a primeira presentación do proxecto, neste caso para os membros da Mancomunidade do Val Miñor, anque quedan convidados todos os veciños interesados.