AGE insiste na necesidade dunha cidadanía máis participativa e "botar da Xunta ao PP" para saír da crise.

Imprimir
vilar-arauxo-cuevas

Traballo e a problemática da emigración dos novos foron as principais inquedanzas achegadas pola mocidade aos candidatos de Alternativa Galega de Esquerda na charla coloquio desenvolvida o pasado mércores na Praza de Abastos de Baiona. Logo das intervencións do historiador nacionalista Xosé Lois Vilar e os candidatos por Pontevedra, Xosé Antonio Araúxo e mais José Cuevas, tivo lugar un espazo no que o público asistente verteu preguntas e opinións sobre a actualidade de Galicia e o seu futuro.

 

Os candidatos deixaron de lado a presentación do programa para pasar a un diálogo directo coas decenas de persoas que se achegaron á Sala Multiusos. Araúxo salientou a necesidade de "botar da Xunta ao PP" co xeito de cambiar o rumbo da institución autonómica cara a crise pola que atravesa o país. Os representantes de AGE insistiron na necesidade de trocar os hábitos de participación política á vez de dar pulo ás novas estruturas de participación que presenta a coalición. Nomeadamente insistiron na necesidade dunha cidadanía "que non se limite a participar só coa emisión do voto".

Os representantes políticos de AGE, salientaron o feito de que sexa xente nova a que está a participar nos diferentes actos que levan desenvolvidos pola bisbarra do Val Miñor e o resto da provincia. Tamén destacaron o compromiso da coalición de manter estas instancias de participación e diálogo coa cidadanía como instrumento permanente da actividade política do grupo.