Manuela R. Pumar "Gondomar non contou cunha política de emprego e de aí as altas cifras de paro"

Imprimir
Manuel R. Pumar - Candidata polo BNG AA de Gondomar

Manuela Rodríguez, candidata do BNG-Asembleas Abertas á alcaldía do Concello de Gondomar. Iniciouse en política coa Plataforma Veciñal Independente, "creada no seu día para dar unha alternativa democrática a Gondomar e superar a continuidade dun alcalde que viña do franquismo". Desde entón, implicouse na política municipal e comezou militar no BNG. No BNG ocupou e ocupa diversas responsabilidades, chegando ser responsábel comarcal de Vigo. Na actualidade é a responsábel de organización da comarca e integrante do Consello Nacional do BNG. En Gondomar, Manuela R. Pumar é unha persoa recoñecida polo seu traballo no ámbito veciñal, cultural e nas ANPAs, e actualmente participa activamente en diversas entidades e colectivos sociais.

Economía

Gondomar, xunto aos concellos do Val Miñor atópanse na cola de concellos de Galicia con menos inversión por habitante, nunha media de 25€/habitante? Que opinión lle merece a actual política de gastos e ingresos do Concello de Gondomar? Que eidos deberían ser correxidos con urxencia para beneficiar aos veciños?

O problema de Gondomar é que precisa unha redistribución dos orzamentos ampliando as partidas que non estean destinadas a gatos fixos do propio concello, só así haberá dispoñibilidade orzamentaria para mellorar os servizos á veciñanza, e nomeadamente a partida relativa a gastos sociais, que sería o capítulo máis urxente.

Podería adiantar algunha proposta concreta do seu partido cara á dinamización da economía local de Gondomar? Ao seu criterio que sectores deben recibir o empuxe do goberno local?

Desde o BNG-AA consideramos que cómpre promover a creación de emprego de calidade no concello, especialmente para as mulleres que son as que máis sofren o paro; ordenar e potenciar o tecido industrial, apostar por novas actividades económicas e apoiar o comercio local (a través dun centro comercial aberto, por exemplo).

A Mancomunidade do Val Miñor – Como valora os acordos/actividade deste ente supramunicipal? Cales son as súas propostas para os próximos 4 anos?

Consideramos que é prioritario dotala de contido, pois careceu del durante estes catro anos, e democratizar o seu funcionamento, reformado os estatutos e potenciando a participación veciñal. Entre as nosas propostas gustaríame destacar a de reestruturar as tarifas e prezos dos servizos mancomunados contemplando bonificacións para as rendas máis baixas. 

Emprego

Que opina das políticas de emprego desenvolvidas na última lexislatura? Qué medidas ou mecanismos propoñen para resolver a situación irregular do polígono da Pasaxe? Que iniciativas pode esperar a cidadanía nesta materia se vostede acadase a alcaldía?

En materia de emprego, considero que Gondomar non contou cunha política de emprego propiamente dita e de aí as altas cifras de persoas en situación de paro. Para mellorar esta situación, cómpre regular os lugares con actividade empresarial, especialmente o Polígono da Pasaxe, a comezar pola súa ordenación dentro do Plan Xeral.

Desde o BNG-AA consideramos necesario crear emprego de calidade no concello, por iso elaboraremos un estudo sobre a situación laboral no ámbito municipal, prestando especial atención á mocidade, ás mulleres, ás persoas con discapacidade e parados/as mozos/as de longa duración ou con dificultades de reinserción laboral. 

Ademais, buscaremos a colaboración con asociacións de comerciantes e empresarios para activar unha bolsa de emprego á que poida acceder a mocidade do concello. Tamén procuraremos a colaboración coa Consellaría de Traballo na organización de cursos de capacitación profesional. 

Será necesario artellar mecanismos de promoción e colaboración encamiñados ao desenvolvemento dun turismo de calidade, a dinamización do comercio e do emprego local a través da promoción das feiras tradicionais, a produción agrícola e a multifuncionalidade do monte. Fomentaremos o cooperativismo e a economía social e da comercialización de produtos locais en ciclos de comercialización curtos, ou de proximidade, limitando importacións e transportes de longa distancia.

Canto ao comercio a nosa proposta é a posta en marcha dun centro comercial aberto de ampla oferta, acompañado de medidas de humanización, que permita a convivencia e o aumento do consumo local.

Cal é a súa visión das políticas cara á xuventude adoitadas nos últimos catro anos? Que iniciativas presentará para mellorar a calidade de vida da mocidade de Gondomar?

A mocidade debe ser un dos eixos das políticas municipais, a través de políticas transversais, é dicir, políticas concretas dirixidas á mocidade nos ámbitos do ensino, cultura e lecer, transporte (transporte á universidade), saúde, deporte, etc. Para o BNG-AA a mocidade é unha prioridade: a súa formación e a adquisición de ferramentas axeitadas para a súa emancipación, así como o dereito de autoorganización e a ter un traballo digno na nosa terra, son cuestións prioritarias.

Desde o Concello debe procurarse potenciar a participación da mocidade nas políticas que a atinxen. Con este criterio crearíase o Consello Municipal da Mocidade, que velaría pola consecución das políticas sinaladas para a mocidade en cada unha das áreas do Concello e tamén na xestión supramunicipal.

Servicios sociais

Qué valoración fai das políticas sociais e de axuda á dependencia / emerxencia social dende o concello? Cales son as medidas concretas que propón o seu partido?

As necesidades de Gondomar non están a ser cubertas polas escasas políticas municipais, moitas veces confundidas coa caridade. 

Nun contexto de crise económica que afecta á maioría da poboación, cómpre aumentar as partidas orzamentarias dos concellos destinadas a gasto social, como xeito de paliar os efectos que está a causar no conxunto da sociedade, especialmente naquelas persoas que, ante unhas taxas de desemprego en constante aumento, son máis susceptíbeis de sufrir unha situación de exclusión social e pobreza. O BNG-AA promoverá e procurará o cumprimento do Pacto galego contra a pobreza.

Cómpren uns servizos sociais homoxéneos, planificados e coherentes, que propicien a igualdade de oportunidades e a prevención, todo isto en colaboración coa Xunta de Galiza, xa que a economía das entidades locais non permite que traballen soas neste eido dun xeito eficaz.

Informarase e asesorarase dun xeito directo e personalizado á veciñanza sobre os dereitos e recursos sociais dispoñíbeis.

Ofrecerase cobertura universal a aquelas persoas maiores ou valoradas como grandes dependentes, para que poidan ter entre as súas prestacións a axuda no fogar e/ou xantar na casa. Procurarase a máxima extensión do servizo, asegurando o maior grao posíbel de cobertura a persoas susceptíbeis de melloraren a súa calidade de vida a través do desenvolvemento de prestacións domiciliarias.

Corrupción – transparencia - participación

Qué medidas concretas adoitará o seu partido de cara a erradicar a lacra da corrupción no eido local? Que cambios considera urxentes en materia de transparencia, xa sexa no acceso á información como na contratación de empresas e persoal para servizos municipais?

No BNG-AA primamos a transparencia na actuación administrativa e política do Concello, por iso consideramos necesaria a creación de canles de participación social, a participación veciñal na vida municipal e a modernización administrativa local.

A actividade económica do concello é precisamente un dos campos en que cómpre a máxima transparencia. No BNG-AA practicaremos a transparencia orzamentaria e incorporarase a compra pública ética (comercio xusto, local ou ecolóxico). Colaborarase con entidades de banca ética e coas novas cooperativas de enerxía e non con entidades financeiras que executen desafiuzamentos

Crearase unha comisión de control das contratacións e adxudicacións municipais,artellarando fórmulas de estabelecemento de cláusulas sociais para favorecer a contratación de servizos municipais que integren a persoas en procesos de inclusión social.

Os plenos municipais/ supramunicipais dos últimos catro anos non teñen sido un exemplo de democracia participativa. Que medidas propoñen de cara á facilitar a participación da vecindade e dos colectivos no impulso de iniciativas populares?

A institucionalización da participación veciñal será un elemento fundamental na política municipal impulsada polo BNG-AA, como garantía de rigorosidade, responsabilidade e transparencia, a través do Regulamento de Participación Veciñal, que estimule e facilite o acceso á información municipal e a presenza dos veciños e veciñas nos órganos municipais, nomeadamente o Pleno da corporación, permitindo dar voz no mesmo á veciñanza e a posibilidade de levar a consulta popular temas importantes. No relativo á participación no pleno, o Regulamento de Participación Veciñal estabelecería e regularía simbolicamente a/o concelleira/o número 18 co ánimo de darlle voz á veciñanza.

Urbanismo

Ao seu criterio, cales son os principais problemas que teñen impedida a aprobación do PXOM para Gondomar? Que camiño propón para superar eses atrancos?

O escurantismo. A aprobación do PXOM é precisamente un dos temas que esixe maior transparencia. Desde o BNG-AA promoveremos a revisión do PXOM e a apertura dun proceso participativo. Estará baseado nunha política urbanística concibida como un instrumento ao servizo do interese xeral e público e sometido, na súa aplicación, aos seguintes principios: Prevalencia do interese público sobre os intereses especulativos. Transparencia e participación. Racionalidade e sustentabilidade. Equilibrio territorial en coherencia coas directrices nacionais de ordenación do territorio. Equidade, con reparto equilibrado de cargas e beneficios.

En materia de mobilidade e transporte, cales son os principais desafíos que debe asumir o próximo goberno municipal? Que papel debe xogar o próximo goberno de Gondomar para acadar un transporte público axeitado en materia de servizo e custe? A autoestrada do Val Miñor atópase nestes momentos infrautilizada segúndo os estudos de mobilidade e tráfico que manexa a Xunta de Galicia? Serve esta infraestructura como método útil de interconexión entre os concellos do Val Miñor. Cómo se pode sacar maior proveito para a vecindade local?

O maior desafío é acadar un transporte colectivo asequíbel e que nos comunique realmente, dando resposta a todas as nosas necesidades de mobilidade, entre as parroquias, no Val Miñor, coa Universidade, co novo Hospital. Un transporte en que poidamos viaxar con billete único, a prezos reducidos, con paradas e frecuencias axeitadas.   Ademais, é necesario, como medida de reforzo de mobilidade, converter a autoestrada nunha circunvalación gratuíta, unha demanda histórica do BNG-AA.

Nestes catro anos, o BNG-AA traballou precisamente nesta dirección, levando ao Parlamento as demandas da veciñanza. Agora procuraremos que todas as entidades implicadas e con capacidade de decisión acepten as nosas propostas, pois este é un dos temas máis sentidos en Gondomar.

Medioambiente

Que medidas propón para por solución ao contínuo deterioro medioambiental que está sufrindo o río Miñor en parte polas deficiencias da EDAR? A Foz do Miñor, un espazo en Rede Natura machacado pola contaminación? Cales son as súas propostas para restaurar a degradación deste espazo de alto valor ecolóxico?

Evidentemente, o primeiro é mellorar e completar de maneira integral a rede de saneamento, sendo unha das medidas a adoptar separar as augas pluviais das fecais para evitar o colapso da EDAR. Soclicitar da Xunta que estude as capacidades da depuradora para tratar de axustar a dimensión do saneamento e a necesidade de depuradoras de cunca de menor entidade, que permitan un bo funcionamento da existente.

Canto á Foz do Miñor, a súa restauración pasa pola mellora da depuración de augas residuais, que é o principal problema, a eliminación de vertidos incontrolados, a restauración do bosque de ribeira e do cauce natural.

Que outras medidas de recuperación ou melloras ambientais plantexades dende a vosa candidatura?

No BNG-AA queremos un concello sustentábel e saudábel. Un concello que aplique as tres R: reducir, reutilizar, reciclar, a separación do lixo e que aposte por un modelo alternativo a Sogama. Potenciaremos a planta de compostaxe.  Cómpre que valoremos e conservemos o noso patrimonio natural, por iso prestaremos especial atención á Serra do Galiñeiro e aos ríos Miñor e Groba.  Unha aposta decidida pola sustentabilidade pois ela é fonte de saúde.

 

Ademais dos temas consultados, que propostas entende urxentes encaminar cara ó mandato 2015 – 2019?

A mellora do transporte, a transparencia da xestión, a participación veciñal, a creación de emprego e uns servizos sociais xustos e igualitarios son as auténticas urxencias de Gondomar para os vindeiros catro anos. Mais tamén é importante crearmos un concello en que vivir e do que nos sentir orgullosas e orgullosos, un concello con espazos públicos e maior oferta de ocio e cultura, un concello que exhiba a súa riqueza patrimonial, na arte (petróglifos, románico, cruceiros), arquitectura civil (muíños, pazos), etnografía (curros, folclore), artesanía, patrimonio inmaterial etc, porque todos eles son a nosa identidade, a identidade de Gondomar desde a que conformamos o noso país.

Vivimos nun dos mellores lugares do mundo, e só precisamos sabelo, valoralo e protexelo.