Crónica: “Fusión entre moda e solidariedade nunha xornada máxica”

Imprimir
ana-directora-encaixamos

O pasado sábado, 15 de agosto, o Casino de Sabarís convertíase no perfecto escenario para a unión entre moda e solidariedade. Baixo un ceo que non parecía augurar unha gran xornada estival, o acto comezaba a tomar forma coa instalación no recinto dun mercado solidario ao que o público puido acceder a partir das 11:30 da mañá.

Dende artesanía ata deliciosos doces, pasando por cosméticos, perfumería ou roupa, os produtos de algúns dos comercios colaboradores foron os protagonistas durante as primeiras horas do día.

A partires do mediodía, a chuvia comezaba a facer acto de presenza. De forma intermitente, o tempo semellaba querer estragar o acto, que culminaría sobre as 9 da tarde co esperado desfile. Sen embargo, o orballo non só non conseguiu deslucir o evento, se non que, en certo modo, o dotou dun aire máxico.

O público, unhas 300 persoas, congregouse ao redor da pasarela e, a pesar da poalla esporádica, acolleu cunha calorosa benvida á presentadora que daba comezo ao acto, Pilar Rodríguez. Fotógrafos e modelos, entre os que se atopaban algúns dos socios de Encaixamos, resistiron con gran profesionalidade as inclemencias do tempo e, entre bambolinas, deseñadores, perruqueiros e maquilladores, traballaron para que a gala saíse á perfección. Xunto a todos eles, os organizadores do evento, Paula, artesá da firma Alma de Joya e

Humberto Anchia, fotógrafo, poñían toda a carne no asador para sacar adiante o desfile.

Durante toda a xornada, máis de 300 persoas responderon á convocatoria, contribuíndo coa compra das súas entradas e as súas doazóns, que superaron os 700 euros, a que a Asociación se achegase un pouco máis ao obxectivo proposto: a adquisición dunha furgoneta adaptada para as persoas con discapacidade do Val Miñor.

Non obstante, non foi a recadación a auténtica protagonista do día, se non o compromiso social que tanto o público presente como os numerosos voluntarios demostraron, transformando unha tarde de agosto algo intempestiva nun auténtico acontecemento solidario.

Publicado orixinalmente na web de Encaixamos