#Nigrán: Multitudinaria resposta no areal de Lourido á sesión de Zumba solidario co Centro Juan María.

Imprimir
zumbalourido3

Unha multitude de seareiros da "Zumba" acompañados por outro tanto de bañistas que gozaban nos  areais de Lourido,  participaron na multitudinaria xornada solidaria co Centro Juan María.

O que era unha "master-class" rematou en festa rachada cos usuarios do centro como protagonistas da tarde.

A satisfacción era total tanto no Concello de Nigrán como na dirección do Juan María. "Máis co recadado, que importa, o mellor foi a receptividade da xente co centro e a proposta", salienta Mari Santos, directora do centro. "Eu tamén bailei" comentaba o alcalde Juan González consultado polo ambiente atopado na praia.

Durante a xornada vendéronse rifas á vontade para colaborar. Camisetas, sesións de ximnasia, clases de zumba e ducias de obsequios foron repartidos entre os asistentes. O evento contou ademais coa achega organizativa do persoal do centro, do Concello de Nigrán, do equipo de Toni Pilates e da colaboración de ximnasios e empresas da contorna.

"É importante que a xente saiba que existimos"
O Centro Juan María atende a un centenar de usuarios ao longo do ano. De 6 a 21 un anos cumpren coa tempada de escolarización. Os maiores concorren ao centro ocupacional (os de maior autonomía) e o centro de día onde reciben unha maior atención. Rematado o período escolar, próximo a 60 usuarios manteñen a relación co cetro durante o verán.

A directora do Juan María, Mari Santos, reitera a importancia da xornada: "É importante que a xente saiba que existimos, que estamos en Nigrán".
Ao longo da xornada de Zumba, achegouse material informativo a tal fin dende un posto montado a carón do escenario maior.