Detido cando transportaban case 4 kg de heroína dende o sur de Galicia cara a Madrid.

Imprimir
heroina-policia-nacional

A Policía Nacional comunica a detención dun varón de trinta e nove anos de idade, de nacionalidade española e con domicilio na cidade de Pontevedra, quen transportaba 3 quilos e 675 gramos de heroína, cun valor estimado por riba do medio millón de euros .

A investigación iniciouse ao detectar a presenza en Vigo de persoas relacionadas cun grupo organizado que se dedicaba á distribución de sustancias estupefacientes por varios puntos da xeografía nacional.

Os axentes centraron os seus esforzos sobre este varón, xa que no pasado estivera implicado en feitos similares con outras organizacións, polo que estableceron un operativo coa finalidade de interceptalo cando procedese a transportar a droga.

Operativo

Tras comprobar que alugaran un vehículo establecéronse diferentes puntos de vixilancia ao longo da Autovía de Rías Baixas A-52, observando que este desprazábase a gran velocidade e que unha intervención nesas circunstancias podería carrexar un grave risco para o resto dos usuarios da vía.

Un dos vehículos que formaba parte do dispositivo, e que circulaba varios quilómetros por diante do vehículo sospeitoso, localizou no quilómetro 183 da autovía, á altura de Xinzo de Limia, un control rutineiro de tráfico polo cal este vehículo tería que pasar a moi baixa velocidade .

Tras avisar ao resto de indicativos permaneceron detidos no arcén e cando o varón intentaba pasar entre os vehículos que se estaban parados procederon a cortarlle o paso e interceptalo para evitar a súa fuxida.

 Logo de identificalo e de facer unha requisa no interior do automóbil, os axentes atoparon escondidos baixo o asento do copiloto sete paquetes de heroína, cun peso total 3 quilos e 675 gramos, cuxo valor no mercado ilícito superaría ampliamente o medio millón de euros.

Inmediatamente procedeuse á detención deste varón por un delito contra a saúde pública, así como ao seu trasladado á Comisaría Provincial do Corpo Nacional de Policía de Ourense.

A investigación foi desenvolvida por axentes do Grupo de UDYCO da Comisaría de Vigo-Redondela e do Grupo III da Brigada de Policía Xudicial da Comisaría de Ourense