1500 exemplares participarán do XIX Concurso Exposición da Unión Ornitolóxica Val Miñor en Priegue.

Imprimir
paxaros

A partir deste xoves Nigrán acollerá o XIX Concurso Exposición Unión Ornitolóxica Val Miñor. O evento desenvolverase entre o 11 e 20 de novembro no Centro Cultural O Torreiro, de Priegue, aínda que non abrirá ao público ata o domingo 13, a partir das 18.00 horas. A exposición permanecerá aberta ata o seguinte domingo 20 de novembro, de 11.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas, excepto o día de peche, que abrirá só ata as 12.00 horas para proceder á entrega de premios e a clausura do concurso.

 

O Centro Cultural O Torreiro albergará a máis de 1.500 exemplares clasificados en once grupos onde predominarán os canarios de cor, os exóticos domésticos, os canarios de postura e os exóticos non domésticos. As aves expostas proceden de diversos puntos do territorio autonómico, como A Coruña, Ferrol, Ames, O Grove, Ourense, Vigo, Baiona, Tomiño e O Rosal, entre outras. Ademais da Unión Ornitolóxica Val Miñor, que acudirá con 45 expositores, destacan a Agrupación Ornitolóxica Cultural Deportiva O Salnés e a Asociación Ornitolóxica Cultural Deportiva de Pontevedra, con máis dunha decena de participantes cada un. Tamén haberá presenza nacional, con exemplares procedentes de Valladolid, entre outras orixes.

A fundación oficial da Asociación Ornitolóxica Val Miñor data de 1990, aínda que a afección dos seus creadores pola ornitoloxía e a natureza remóntase a moitos anos atrás. Con este concurso, a asociación local busca render tamén homenaxe a un dos seus pais fundadores, Enrique Marcote. O presidente da asociación e concelleiro do Concello de Gondomar, Manuel Gómez, animou a todos os veciños e veciñas do Val Miñor a achegarse ao mundo da ornitoloxía. "É unha oportunidade única para ver en primeira acode paxaros dos cinco continentes, un inmenso abanico de cores e natureza", explicou.

Concurso para nenos

Ademais, a concellaría de Educación e Persoal levará a máis de cincuenta alumnos de primaria do C.P.E.I. de Mallón. Na visita, os nenos e nenas de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria coñecerán o mundo da ornitoloxía máis de cerca, e participarán nun concurso de debuxo e de redacción sobre a exposición. A resolución do xurado e a entrega de premios aos máis pequenos terán lugar a semana seguinte ao desenvolvemento da exposición, no C.E.I.P. de Mallón.

O evento foi presentado esta tarde no Salón de Plenos de Nigrán. No mesmo participaron o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, a concelleira de Turismo, Cultura e Deportes, Liliana Silva, a concelleira de Educación e Persoal, Ana Rosa Costas, o presidente da Asociación Ornitolóxica do Val Miñor, Manuel Gómez González, e o coordinador do evento, Emile Soler. O certame conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Nigrán.

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, agradeceu á asociación por elixir Nigrán para a celebración da XIX edición deste concurso exposición, "que nos axuda a ampliar a oferta cultural para os nosos veciños e veciñas", sostivo.