Os campamentos de Verán da Xunta acollerán a 300 fillos e netos de galegos na diáspora.

Imprimir
emigracion_gallega

A Secretaría Xeral da Emigración ven de realizar o sorteo das prazas que corresponden a fillos e netos de emigrantes galegos no exterior nos Campamentos de Verán que organiza a Dirección Xeral da Xuventude. A listaxe completa pode consultarse no portal web da Secretaría, www.galiciaaberta.com

 

Trátase dun número de prazas reservado ao colectivo da diáspora, co obxectivo de fornecer as ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia por riba dos países onde teñan nacido. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da súa familia que quedaron na Galicia territorial.

Cómpre lembrar que a Xunta convídaos exclusivamente a pasar eses días en compañía de coetáneos da Galicia territorial, e ás actividades desenvolvidas no Campamento, en igualdade de condicións cós residentes aquí, pero en ningún caso sufraga a viaxe dos beneficiarios desde alén o Atlántico.

Segundo atesoura a experiencia, nestes Campamentos de Verán, os fillos e netos na diáspora comparten cos outros mozos galegos uns días de experiencias e intercambio que supoñen un importante enriquecemento mutuo, especialmente no caso dos residentes habituais en países de América Latina, que son o 99 por cento dos beneficiarios.

A maioría, arxentinos

Foron, nesta convocatoria de 2011, máis de 700 as solicitudes recibidas para un total de 313 prazas. Un ano máis, o país do que proceden a maioría dos mozos é a República Arxentina, con 148, case a metade do total. Seguen despois Uruguai con 76, Venezuela con 52, Brasil con 20, Perú con 5, México con 4, Cuba con 2, Chile con 1, e Costa Rica con 1. Outras 3 prazas reserváronse para residentes noutras Comunidades Autónomas españolas, e a última das prazas recaeu nun solicitante residente habitual en Francia.