O próximo 26 e 29 de abril O IGADI participará na Rede Europea de Reflexión Xeopolítica

Imprimir
europa

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), participará entre o próximo 26 e 29 de abril na Illa do Pensamento de San Simón (Ría de Vigo), nas xornadas “Por unha Xeopolítica Europea”, coa finalidade de formalizar a creación dunha Rede Europea de Reflexión Xeopolítica, que terá a súa sé permanente na illa de San Simón.

Este encontro, que contará coa participación dunha vintena de expertos españois e franceses, está convocado polas entidades Tendencias 21 (España) e Automates Intelligents (Francia), coa colaboración da Cátedra de Servizos de Intelixencia e Sistemas Democráticos da Universidade Rey Juan Carlos (CISD), a Sociedade de Estudos Internacionais (SEI), o Instituto Choiseul España (IC) e o IGADI, que recentemente mudou a súa sé permanente á Illa de San Simón. Este encontro rematará cunha Declaración Final, con recomendacións e propostas, que se achegarán ás mais altas instancias españolas, francesas e europeas.

Os temas a tratar nestas xornadas son: “Soberanía Europea e perspectivas xeopolíticas”; “Riscos da Xeoeconomía Europea”; “Tecnoloxías de Soberanía: seguridade, defensa, espazo”; “Cultura e Valores europeos: o softpower e as dependencias culturais”; e “O papel da Intelixencia na construción europea do Século XXI”. Igualmente, a cuestión nuclear será materia de discusión e debate. O IGADI desenvolverá especialmente a sesión “Cultura e Valores europeos: o softpower e as dependencias culturais”, a celebrarse o xoves 28 de abril, e que contará con Ramón Lugrís como relator principal.

A Rede Europea de Reflexión Xeopolítica traballará cun horizonte temporal de 10 anos, co cometido de redactar documentos de análise e propostas de actuación que serán difundidos ás institucións implicadas, medios de comunicacións, sindicatos, partidos políticos e a dirixentes políticos e parlamentarios a nivel estatal e europeo.