Espazo Lectura recolle en Lugo o premio Fernández del Riego e celebra a súa asemblea xeral

Imprimir
rincon-infantil-gondomar

O sábado 12 de marzo a directiva de Espazo Lectura desprázase a Lugo para asistir á Noite da Edición, a gala na cal a Asociación Galega de Editores (AGE) outorgará os Premios da Edición 2010, entre os que se atopa o de libro do ano ou o de mellor autor do ano 2010 en Galicia. Durante a gala, Espazo Lectura recollerá o Premio Fernández del Riego á mellor iniciativa do ámbito do libro de 2010, galardón que o gremio de editores fixo público o mes de febreiro pasado.

A concesión deste premio súmase ao Premio Irmandade do Libro 2009 na modalidade de Fomento da Lectura e ao segundo Premio de Dinamización Sociocultural da Fundación Everest, galardóns que Espazo Lectura recibiu hai agora xusto un ano.

Asemblea Xeral

Ese mesmo sábado 12 de marzo, a partir das 11:30 horas, na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, Gondomar), Espazo Lectura celebrará a Asemblea Xeral Ordinaria de 2011.

Nesta Asemblea Xeral, entre outros asuntos, a Xunta Directiva de Espazo Lectura presentará diante dos seus asociados a memoria de actividades e de tesourería do pasado ano e someterá a consideración da asemblea os proxectos de futuro e o novo orzamento.

Esta xa é a terceira asemblea xeral da asociación constituída en 2008.

QUINTO ANIVERSARIO DO CONTOMAR

O luns 14 de marzo Espazo Lectura celebra na Biblioteca Municipal de Gondomar o 5º aniversario do Contomar, as exitosas sesións de contacontos semanais que foron o xermolo do que hoxe é Espazo Lectura.

Para celebralo, contarase coa presenza dunha convidada especial, a actriz e contacontos Raquel Queizás que narrará os seus “Contos do cestiño”, unha recompilación de contos populares e lendas para os máis pequenos.

A cita será o luns 14 de marzo a partir das 18.00 horas no segundo andar da Biblioteca Municipal de Gondomar.