O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aproba un orzamento de 160,6 millóns de euros para 2016

Imprimir
cuvi concello goberno 2015

Con 31 votos a favor, tres en contra e catro abstencións

Tamén se acordou iniciar o proceso de cambio de denominación da ETSE de Minas

Con 31 votos a favor, tres en contra e catro abstencións, os integrantes do Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobaron na derradeira sesión do ano un orzamento para 2016 de 160.586.524 euros. Trala presentación ante o Claustro das liñas básicas de actuación orzamentaria e á espera do ditame do Consello Social, que se reunirá o vindeiro día 29 no campus de Pontevedra, o orzamento recibiu o apoio maioritario dos membros do Consello de Goberno, ante os que o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, debullou os aspectos máis destacados deste orzamento, un 2,79% inferior ao do ano 2015, por mor da finalización dos proxectos Táctica e Biocaps ou infraestruturas como Cinbio e tamén pola redución na captación de recursos externos, ao estar o novo programa Horizonte 2020 da UE nas fases iniciais.

Nesta sesión ordinaria do Consello de Goberno tamén se deu luz verde ao establecemento dun teito de gasto para o vindeiro ano de 176,5 millóns de euros, "unha cantidade razoable", asegurou o vicerreitor de Economía e Planificación, que lembrou a inexistencia dunha metodoloxía establecida para determinar este concepto. A presentación da quinta Memoria de responsabilidade social da Universidade, a aprobación da convocatoria de eleccións para a renovación da representación do alumnado no Claustro, así como da convocatoria para a prórroga de contratos do programa Ramón y Cajal , foron outras cuestións abordadas na sesión de hoxe, na que tamén se acordou iniciar o proceso de cambio de denominación da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas, que pasaría a chamarse, superados todos os trámites, Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía.

O reitor, Salustiano Mato, foi o primeiro en tomar palabra para presentar o seu informe no que destacou o "histórico" do acordo asinado o pasado venres coa Deputación de Pontevedra e que permitirá estruturar a colaboración entre ambas as dúas institucións nos vindeiros catro anos. A consecución por parte de Campus do Mar do selo de excelencia internacional definitivo, así como a celebración da primeira xuntanza do padroado da Fundación do Centro de Innovación Aeroespacial, foron outras cuestións ás que o reitor da Universidade de Vigo fixo referencia no derradeiro informe do ano 2015.

O primeiro orzamento ao abeiro do novo Plan de Financiamento do SUG
A intervención do vicerreitor de Economía e Planificación comezou cunha referencia ao novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego 2016-2020 que veu a luz este ano que está a piques de rematar. "Felicítome de que haxa un novo plan", asegurou José Manuel García, que, non obstante, se amosou moi crítico cun documento que considera que "é unha volta ao café para todos", no sentido de que o financiamento por resultados ascende unicamente a un 14% , ao tempo que o panel de indicadores non introduce a ponderación en dous criterios tan importantes como son o número de grupos de investigación e a captación de talento investigador.

Tras lembrar que as achegas do Plan de Financiamento acadaran en 2009 o seu teito, para a partir de aí sufrir progresivos recortes, o vicerreitor de Economía e Planificación destacou que a Universidade de Vigo pechou con superávit os catro últimos exercicios.

Orzamento de ingresos e gastos
En relación cos ingresos previstos para 2016 o capítulo máis destacado é o de transferencias correntes, que representa un 72,55% do total de ingresos, seguido das transferencia de capital cun 17%. "Non incluímos ingresos que non sexan certos", asegurou José Manuel García en relación con este apartado do orzamento, que a Universidade podería ver incrementado coa confirmación das achegas previstas para a rehabilitación dos tres edificios do Berbés nos que se instalará unha sede institucional no centro de Vigo, ou as relativas a Campus do Mar e Campus da Auga.

En canto ao gasto, o vicerreitor destacou o "importantísimo incremento" que se rexistra no capítulo de persoal, que aumenta un 6,5%, pasando dos 89, 1 millóns de 2015 aos 95 millóns de 2016. Tras lembrar que "estamos preto do 60% en gasto de persoal o que nos achega ao límite", José Manuel García destacou que "fomos a única universidade do SUG que aumentou este capítulo, porque apostamos polo capital humano, o emprego público e a defensa da carreira dos nosos empregados e empregadas". Por programas, o vicerreitor destacou descenso de case un 43% destinado á dotación e mantemento de infraestruturas e o incremento en máis dun 20% no apoio ao alumnado e á docencia.

Acción de goberno para 2016
A convocatoria de prazas de PDI axustada á taxa de reposición, así como a consolidación de interinos a través de programas de retención do talento investigador e de intensificación investigadora, foron as accións de goberno que cara a 2016 destacou o vicerreitor de Economía de Planificación en relación do persoal docente e investigador. No caso do PAS, José Manuel García sinalou que a negociación da nova RPT "deberá dar resposta ás novas necesidades de organización da Universidade e tamén afrontar os retos de futuro", ao tempo que destacou que o novo marco debe dar acubillo ao proceso de funcionarización que está en marcha.

A licitación do edificio que acollerá o Campus da Auga e dos edificios do Berbés, unha vez que se confirme o seu financiamento, foron as infraestruturas ás que fixo referencia o responsable de Economía de Planificación, que tamén avanzou actuacións para renovar a cuberta do Edificio de Ciencias Experimentais e de parte da cuberta do Edificio Miralles, así como a posta en funcionamento do novo Cacti e Cinbio.

Na quenda de intervencións dos membros do Consello de Goberno, previa á votación, os representantes do PDI Pedro Santamaría e José Manuel Reigosa, criticaron, por unha banda o "restritivo" dos orzamentos, así como "o estrangulamento económico da institución e da autonomía universitaria", que fai o Plan de Financiamento do SUG.

Máis de 150 actividades relacionadas coa responsabilidade social
De entre as 155 actividades relacionadas coa responsabilidade social desenvolvidas na Universidade de Vigo ao longo de 2014, o comisionado de Plans Estratéxicos, Xavier Martínez Cobas, destacou as numerosas campañas de recollida de alimentos realizadas por distintos colectivos, as intervencións en cárceres e hospitais, as xornadas relacionadas coa inclusión e a loita contra a discriminación, e as propostas destinadas ao fomento da interculturalidade. Xunto aos avances rexistrados no proceso de especialización de Campus da Auga de Ourense e CREA S2i de Pontevedra, Martínez Cobas, tamén puxo en valor a sinatura do convenio para a posta en marcha do proxecto Táctica, co que se captaron sete millóns de euros de fondos Feder para o centro AtlantTIC; a aprobación do Protocolo de actuación para a prevención e sanción do acoso sexual e por razón de sexo, así como participación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte en actividades para formar parte da Rede de Escolas Unesco. En canto aos ránkings, o comisionado de Plans Estratéxicos, destacou o terceiro posto acado pola Universidade de Vigo no ránking de transparencia do ano 2014 da Fundación Compromiso y Transparencia.

Noutra orde de cousas, o Consello de Goberno acordou hoxe iniciar por proceso para a renovación dos representantes do alumnado no Claustro, así como o do cambio de denominación da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas, que pasaría a chamarse, unha vez aprobado pola Universidade e a Xunta de Galicia, Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Na derradeira sesión do ano tamén se deu luz verde á convocatoria para a prórroga de contratos do programa Ramón y Cajal formalizados na Universidade.

DUVI. / Mª del Carmen Echevarría | Vigo