OVALMI presenta ao Concello de Nigrán as queixas dos comerciantes pola suba da taxa do lixo.

Imprimir

A Asociación de Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) informa que "ante as queixas dos comerciantes" polas subas ata nun 80% do recibos pola recollida do lixo, mantivo unha reunión este luns co alcalde de Nigrán, Alberto Valverde. Tras a mesma, OVALMI emitiu un comunicado público no que recomenda a todos os comerciantes a concorrer ás oficinas do Concello ca fin de comprobar os datos de cada comercio cos do novo padrón municipal.

Segundo informan dende OVALMI, no devandito encontro, Alberto Valverde explicou que a subida producida no recibo da recolleita de residuos "correspóndese coa actualización do padrón de usuarios do servizo". Ratificando ante a representación empresarial, que "o incremento da taxa, para os establecementos que se atopasen regulados no epígrafe correcto, foi dun 3,5%".
Nesa liña, o rexedor explicou que os factores que determinan o importe a pagar por cada establecemento, determínase en función do epígrafe no que se enmarque cada actividade económica, así como polas dimensións do local. Segundo informaron na reunión, moitos dos datos a disposición do Concello "eran erróneos, polo que procederon á revisión e actualización dos mesmos".
Por iso desde a Asociación recomendan a todos os empresarios que acudan ao Concello a comprobar os datos dos seus locais, para evitar así que o importe do seu recibo non se corresponda cos do epígrafe ao que pertence.